Medio Ambiente finaliza a redacción do proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada Guísamo- Sigrás
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas conta xa co proxecto de ensanche e mellora da AC-214, no treito de 735 m comprendido entre a glorieta de intersección coa AC-213 (O Burgo – Os Campós) e a N-550 en Sigrás. O documento foi presentado onte por técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas ao alcalde do concello de Cambre, por onde discorren as actuacións proxectadas, que se amosou satisfeito coa solución definida.
O proxecto, que está en fase de supervisión, ten por obxecto mellorar a seguridade viaria do conxunto dos usuarios mediante a ampliación da calzada da estrada e a execución de sendas peonís continuas.
A sección tipo definida conta con carrís de 3 m e beiravías de 0,5 m, salvo nos primeiros 50 m da actuación -na aproximación á glorieta da AC-213-, nos que se deseña unha banda de aparcadoiro. Ademais, inclúense sendas dun ancho mínimo de 1,5 m, pola marxe dereita na totalidade do treito e pola esquerda nunha lonxitude de 665 m, completando os tramos xa existentes nesta marxe.
Baixo as sendas peonís instalaranse redes de abastecemento, saneamento, pluviais, telecomunicacións e alumeado. A actuación, que conta cun orzamento que supera o millón de euros complétase coa rehabilitación da capa de rodadura e o acondicionamento de dúas paradas de bus.
Con esta actuación, conséguese homoxeneizar as características da AC-214 no treito comprendido entre os puntos quilométricos e 8+540 (glorieta de intersección coa AC-213) e 9+275 (cruce coa N-550) coas da propia estrada no treito anterior, que presenta unha sección sensiblemente superior, e coas das estradas que conecta: a N-550 e a AC-213, estrada na que a Axencia Galega de Infraestruturas xa realizou en 2012 obras de mellora da seguridade viaria nas que se inverteron mais de 1,2 M€.
Durante a fase de estudo de alternativas a Axencia Galega de Infraestruturas mantivo diversos contactos con responsables do concello de Cambre para detectar as necesidades do treito e acadar a solución mais conveniente, recollida no proxecto que lle foi explicado está mañá ao alcalde deste concello.











