publicidade hoxe

Medio Ambiente corrixe as curvas máis perigosas da PO-252 ao seu paso por Mondariz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondarizPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, en compaña do alcalde de Mondariz, Julio Alén, a PO-252 ao seu paso por este municipio para comprobar a posta en marcha das obras que permitirán corrixir as curvas máis perigosas desta estrada que enlaza Moscoso e Mondariz.

O delegado territorial estivo acompañado nesta visita polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, e o xefe do Servizo de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez..

As obras estanse a executar entre os quilómetros 2,1 e 2,5 que contan cun trazado sinuoso con curvas e contra-curvas de pequeno radio. “Levamos moito tempo intentando conseguir que este trazado fora mellorado, xa que é moita a preocupación dos veciños pola falta de seguridade viaria nesta estrada, que conta cun tramo moi perigoso”, explicou Julio Alén.

Segundo informaron os responsables técnicos da obra, farase unha rectificación do trazado co obxectivo de asegurar a seguridade viaria do treito. Deste xeito, a estrada quedará conformada por dous carrís de 3 metros, beiravías de 1 metro e gabia revestida de seguridade de 1,25 metros.

O firme nas zonas de ensanche ou de novo trazado estará constituído por 25 centímetros de grixo artificial, capa intermedia de 6 centímetros de espesor de mestura bituminosa e capa de rodadura de 5 centímetros do mesmo composto. Completarase esta actuación coa instalación dunha barreira de seguridade así como sinalización horizontal e vertical.

“Deste xeito damos cumprimento ao compromiso adquirido polo concello de Mondariz de poñer os terreos á disposición da Consellería para a execución destas obras. Quero, sen dúbida, agradecer aos veciños a súa colaboración para poder axilizar a entrega das parcelas e por tanto, a execución das obras, acabando así cun punto negro das estradas do noso municipio”, engadiu o rexedor de Mondariz.

O delegado territorial, pola súa banda, agradeceu a “axilidade coa que o concello de Mondariz traballou para facilitar estes terreos” e destacou a necesidade da execución destes traballos “que permitirán garantir a seguridade viaria dos vehículos, xa que estamos a falar dun tramo que viña rexistrando un importante número de sinistros ao ano”.

27 de marzo de 2015 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.