publicidade hoxe

Medio Ambiente adxudica a segunda fase do acondicionamento do río Rodeiro por 300.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraRodeiro
A-
A+
O director de Augas de Galicia en Rodeiro

O director de Augas de Galicia en Rodeiro

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudicará mañá a segunda fase do acondicionamento hidráulico do río Rodeiro, no concello do mesmo nome. Así llo trasladou hoxe o director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, ao alcalde de Rodeiro, Luís López, nunha xuntanza na que tamén estivo presente o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas achega un importe de preto de 300.000 euros para a execución destes traballos de mellora no citado río.

O obxectivo das obras é a recuperación do entorno dun tramo do río Rodeiro ao seupaso polo casco urbano deste municipio, como a continuación das obras da primeira fase executada pola Xunta.

Gonzalo Mosqueira explicou que estas obras inclúen actuacións de restauración de marxes, a execución dunha senda fluvial e a creación de espazos de ocio e zonas verdes no entorno do río Rodeiro.

O remate do acondicionamento hidráulico do río Rodeiro e a adecuación da súa contorna ao seu paso polo núcleo urbano de Rodeiro estruturarase en catro actuacións principais:

– Actuacións na canle do Río Rodeiro: estabilización de marxes na contorna da rúa do río repoñendo entulleiras, e recuperando o noiro natural na zona non somerxida; limpeza do fondo do estanque para aumentar a profundidade arredor de medio metro; reparación da presa existente e instalación dunha comporta manual en aceiro inoxidable; e limpeza das marxes do río.

– Acondicionamento do terreo e formación de sendas peonís: retirada de terras e residuos acumulados en diversos puntos da zona; execución de sendas peonís, con trazado e pendentes adaptadas ao terreo; catro pasarelas de madeira nos cruzamentos da senda co río; modificación do relevo co material escavado nas sendas formando un cordón de terras de 25 centímetros de altura e 75 cm de base, arredor da ribeira do estanque, para que funcione como barreira natural en caso de enchente das augas.

– Aparcadoiro e paso de peóns: na rúa do río definiranse 26 prazas de aparcadoiro; farase tamén unha senda peonil bordeando este aparcamento que comunica co treito antes definido mediante un novo paso de peóns.

– Mobiliario urbano, xardinaría e instalacións: as obras inclúen dúas zonas de xogo: unha infantil e outra para adultos; disposición dunha zona de lecer, con mesas e bancos; ademais, ao longo das sendas, disporanse bancos e papeleiras; na zona de máis altura da canle instalarase unha varanda de madeira de protección; na illa substituirase a caseta existente por unha nova. En canto á xardinaría, plantaranse árbores nas zonas verdes, con especies típicas de ribeira, e haberá unha zona de xardín tipo xaponés e zonas de plantación de flores.

Obras da primeira fase

Debido aos problemas de inestabilidade no río Rodeiro ocasionados por sucesivas riadas cumpría acondicionalo e dada a envergadura das actuacións necesarias, realizouse unha primeira fase de adecuación en que se levaron a cabo as actuacións de maior urxencia.

Así, na primeira fase realizáronse labores de limpeza e protección das marxes, alargamento da canle e a execución dun estanque, por medio de pequenos encoros, aproveitando as características do terreo.

Nun determinado tramo da actuación, dividiuse a canle orixinal do río en dúas para evitar os danos que periodicamente se ocasionaban polas enchentes dos ríos e executáronse pasarelas peonís. Ademais urbanizouse e alargouse a rúa do río dotándoa de servizos de abastecemento e saneamento e rede de pluviais novos.

 

25 de marzo de 2015 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.