publicidade hoxe

Mañá finaliza o prazo para presentarse ao VI Certame “Deseña unha xoia para túa nai”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Mañá, mércores 25 de marzo, é o último día para presentar propostas para o VI Certame “Deseña unha xoia para túa nai”, que un ano máis convoca o Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia para poñer a proba a creatividade dos máis pequenos e retalos a deseñar a xoia que queren regalar no Día da Nai.

O Certame está aberto a nenos de 0 a 12 anos de toda Galicia, que ainda teñen todo o día de mañá para pensar o seu deseño, cubrir e presentar o díptico de participación, que pode encontrarse en xoiarías das catro provincias ou descargarse na páxina web www.coxga.es.

No díptico, ademais de todos os datos persoais necesarios, o neno participante conta cun espazo en branco para debuxar a súa xoia. Unha vez cuberta a ficha e rematado o debuxo, deberá enviarse ou presentarse na sede do COXGA (Ramón Cabanillas, 5-7 2º B, 15701 Santiago de Compostela) ou en calquera dos establecementos colaboradores (a listaxe completa pode consultarse na páxina web www.coxga.es) antes de que finalice o día.

Cada neno poderá concursar cun único deseño e de maneira individual, aínda que para facilitar a entrega, os colexios ou profesores que teñan varios alumnos participantes poderán facer un envío conxunto con todos os deseños.

Na pasada edición, o Certame tivo unha grande acollida e recibíronse máis de 8.000 deseños de nenos de toda Galicia.

Gañadores

Unha vez recollidos todos os deseños participantes, clasificaránse segundo as catro categorías do concurso: ata catro anos, de 5 a 7, de 8 a 10 e de 10 a 12. Seguidamente, un xurado composto por profesionais da xoiaría, a educación, a prensa e o mundo do arte reunirase para seleccionar 80 deseños finalista.  Para esta selección, valorarase a creatividade do autor, a súa capacidade para representar a peza no deseño e a viabilidade para executalo. E tomando en conta todo iso, elixiranse 20 deseños finalistas por cada categoría, dos que sairán os tres gañadores.

Todos os finalistas recibirán un diploma acreditativo pola súa participación, pero ademais, os tres gañadores de cada categoría verán plasmado o seu deseño nunha peza real que fará un xoieiro profesional

Este xoieiro realizará a peza no metal que considere máis oportuno para o deseño e coa interpretación que permita a súa execución técnica. E as xoias entregaranse aos seus creadores o venres 24 de abril en Santiago de Compostela, xusto a tempo para regalar no Día da Nai.

As bases completas do VI Certame “Deseña unha xoia para túa nai”, o díptico de participación, así como a listaxe con todos os establecementos colaboradores, poden consultarse e descargarse na páxina web do COXGA: www.coxga.es

Garantía de calidade

Con esta iniciativa, o Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia quere dar maior visibilidade á profesión dos xoieiros, achegando ao conxunto da sociedade as posibilidades culturais e laborais que ofrece o sector da xoiaría.

O COXGA representa garantía de calidade, en permanente vinculación coa sociedade, asegurando a ética profesional e os intereses dos colexiados e tamén a protección dos consumidores a través da información e divulgación do sector; en definitiva, exercendo a representación en todos os ámbitos da xoiaría, prataría, ourivaría, reloxaría e xemoloxía de Galicia.

24 de marzo de 2015 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.