Máis leña para que o Pazo arda mellor en Mos

Presentación de Arde o Pazo
O Concello de Mos e un grupo de veciños que forman a “Alarma de San Antoíño”, reforzan a organización da 7ª edición de ARDE O PAZO, coordinada pola Asociación Cultural Festa da Prehistoria. Por iso pensamos que este ano, ao haber máis leña, o pazo arderá mellor.
O pasado martes o Pazo de Mos acolleu unha xuntanza con outras asociacións do concello, que serviu para facer un adianto da programación desta festa que o próximo 11 de abril recreará o paso dos exércitos napoleonicos polo Val da Louriña en 1809.
Unha das novidades máis importantes é a instalación dun campamento nas inmediacións do pazo, que acollerá en casetas individuais, ás asociacións e grupos que así o soliciten. Deste xeito tratamos de facilitar a xornada festiva aos participantes nas representacións teatrais. Ao mesmo tempo queremos lembrar que a participación é aberta para novos grupos ou persoas que, de xeito individual, queiran participar nas recreacións. O único requisito é acudir aos ensaios xerais que terán lugar este domingo 22 de marzo e o próximo 5 de abril, ás 17.00 h. no Pazo.
A parte das representacións teatrais, a programación inclúe a recreación dun mercado tradicional de artesanía, productos gastronómicos, tabernas e furanchos da parroquia de Mos. Durante todo o día haberá demostracións de oficios tradicionais, animación infantil, obradoiros e actuacións de grupos de baile e gaitas.
A maxía do mago Marco dará paso ao momento máis esperado da xornada, o incendio do pazo, recreado por medio dun espectáculo pirotécnico. E xa para rematar, está previsto o concerto do grupo Quempallou.
Un autobús para reconquistar Vigo. Domingo, 29 de marzo.
A nosa participación na Festa da Reconquista de Vigo serve de homenaxe aos mosenses que participaron no asalto á porta da Gamboa en 1809. Para que este episodio non caia no esquecemento, un ano máis, o día 29 de marzo, un autobús sairá de Mós ás 15:30h. para representar aquela “Alarma de San Antoíño” comandada polo frade “Francisco Giráldez”.
O prezo autobus e de 3 € (ida e volta) e todos aqueles que queiran asistir deberán vestir con traxe tradicional e apuntarse en festadaprehistoria@gmail.com.











