Máis de 500 viveiristas de Europa intercambiarán experiencias en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

A fundación INCYDE está a organizar, en colaboración coa Deputación, un congreso de viveiristas en Pontevedra, que terá lugar os días 7 e 8 de maio na sede de Afundación.

Malia que a organización do evento é responsabilidade de INCYDE, a Deputación colabora difundíndoo e publicitando os procedementos de contratación para que poidan participar as empresas interesadas da provincia.

Na actualidade INCYDE abriu o procedemento para seleccionar unha axencia de viaxes que xestione os traslados dos participantes no congreso, por un importe total de 82.000 euros. As empresas/axencias de viaxes interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 20 de marzo (máis información na páxina web de INCYDE, no perfil do contratante: http://www.incyde.org/perfil_contratante).

O Encontro Internacional de Viveiros de Empresas en Pontevedra terá especial sensibilidade e orientación cara a sectores produtivos estratéxicos da provincia e desenvolverá as seguintes actuacións:

– Xornadas e grupos de traballo orientados a xestores dos viveiros de empresas, sobre organización, xestión, financiamento e políticas de emprendemento
– Acceso ó financiamento para as empresas viveiristas
– Desenvolvemento de experiencias internacionais comparadas
– Xornadas de innovación e desenvolvemento tecnolóxico
– Networking activo (rede de contactos e oportunidades de negocio) entre os asistentes

Nesta xuntanza participarán membros da rede de viveiros empresariais de INCYDE, a maior de Europa, con 96 viveiros funcionando e 15 en construción, todos financiados a través dos fondos FEDER.

Desde 2002 a fundación INCYDE creou 2.800 micropemes, en colaboración coas cámaras de comercio e distintas institucións. Esta foi unha das razóns polas que recibiu recentemente o Premio de Boas Prácticas de mans dos fondos FEDER e da Comisión Europea.

Para o período 2014-2020 a fundación orienta as súas estratexias de desenvolvemento cara ó crecemento intelixente e innovador das micropemes, fomentando o intercambio e a cooperación entre novos emprendedores para reforzar o tecido produtivo de cada país e recuperar o talento emigrado.

9 de marzo de 2015 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.