Máis de 500 bailaríns danse cita en Vilagarcía no Congreso Internacional de Danza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Auditorio Municipal acolle esta fin de semana o III Congreso Internacional de Danza, Start Dance Galicia, un evento que reunirá a máis de cincocentos bailaríns de tres países e procedentes de 25 escolas e centros de danza de España, Portugal e Brasil. O evento inclúe concurso e obradoiros de danza para os bailaríns inscritos que tamén ofrecerán exhibicións coreográficas. Ademais da dimensión congresual, o Start Dance é tamén un gran espectáculo para o público que desexe asistir, previo pago de entrada.

O III Congreso Internacional de Danza celebrarase os días 28 e 29 de marzo. O evento está organizado pola Adeixa Dance School, baixo a dirección de Liana Fortuna Rigón e coa colaboración do Concello de Vilagarcía, que aposta por este tipo de eventos congresuais pola súa importancia en materia promocional da cidade nas cidades das que proceden os participantes, como por ser un polo de atracción turística tanto durante a celebración do congreso como a posteriori.

De feito, aparte dos 520 bailaríns inscritos no Star Dance e dos profesores que impartirán os obradoiros, Vilagarcía tamén recibirá estes días a acompañantes destas persoas, o que se espera xere bastante movemento para os sectores hostaleiro, comercial, de ocio e turístico en xeral.

O concurso de baile incluído no Start Dance está dotado con distinto tipo de premios. Os gañadores poder recibir dende premios en metálico ata bolsas para asistir a cursos e campamentos de danza en recoñecidos centros e escolas de España e Portugal , como o Madrid Dance Center, o Centro Coreográfico Galego, o centro Danza 180, a Escola de Dança do Conservatorio Nacional de Lisboa, a Dance Supercamp- Portugal, a escola de Alessio Natalem, o centro en Roma de Roberta Fontana ou o Encontro Internacional de Danza Urbana Vikul.

O concurso dese III Congreso Internacional Start Dance Galicia contará cun xurado internacional composto por recoñecidos profesionais do mundo da danza como Alessio Natale, Clara Péerz Muñoz e María Dias.

23 de marzo de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.