Máis de 250 nenos participaron nos obradoiros do Lázaro 2015

Obradoiro de pan
Durante as tres xornadas da Feira do Lázaro e o Certame Gastronómico ‘Vila de Verín’, máis de 250 nenos/as do municipio e das localidades próximas participaron nos obradoiros infantís e no servizo da ludoteca, realizados no Pavillón Municipal de Deportes de Verín.
Os días 20, 21 e 22 de marzo, os/as máis pequenos/as asistiron a actividades de manualidades e xogos con material reciclable, maquillaxe infantil, animación con zancudos, obradoiros do Día do Pai ou de chocolate e pan. As mesmas tiveron lugar no espazo infantil ‘Pequelázaro’, situado no ximnasio do pavillón, e congregaron a decenas de menores ao longo dos tres días, sobre todo en horario vespertino. Tamén tivo gran éxito o obradoiro de cociña creativa para nenos/as, impartido pola Asociación de Hostaleiros da Comarca de Monterrei (AEHCOM) coa colaboración da Antena Local de Verín da Cámara de Comercio e Industria de Ourense, e durante o que tres restauradoras pertencentes á AEHCOM ensinaron en directo como elaborar diferentes pratos, principalmente sobremesas, e nos que contaron coa colaboración dos/as nenos/as que se atopaban no recinto. Por outra banda, tamén contou con grande asistencia de público a o espectáculo de grupos de baile e acrosport infantil, no que participaron un centenar de menores do municipio.
Este evento está organizado polo Concello de Verín e patrocinado por: Eurocidade Chaves-Verín AECT, Plan de Competitividade Turística Puertas de Galicia, Inorde, Deputación Provincial, Xunta de Galicia, Gadis, Cabreiroá, Construcciones Hnos. Carrajo, D.O. Monterrei, Socitransa, Parador de Verín, Vipeca, Aceites Abril, Pirotecnia Xaraiva, La Caixa, Caja Rural de Zamora, Estradas Galegas SL, MRW, Esinor, AEVER-CCU Verín e AEHCOM.











