Máis de 100 traballos compiten no X Concurso Literario Rita Suárez Amado
O Goberno municipal, a través da área de Educación, Deportes e Xuventude que dirixe Francisco Mourelo, informa de que un total de 115 traballos foron presentados á X edición do Concurso Literario Rita Suárez Amado, organizado polo instituto Eusebio da Garda en colaboración co Concello. Nesta edición, a Deputación da Coruña sumouse ao certame, participando no seu desenvolvemento.
Este concurso literario é unha das cinco accións de dinamización lingüística do Coruña Lenguas coas que o Concello colabora premiando os relatos curtos e poesía feitos polos alumnos coruñeses en lingua galega.
Os gañadores das diferentes categorías serán dados a coñecer mañá, venres 6 de marzo, nun acto que se desenvolverá no IES Eusebio da Garda a partir das 18.30 horas. O certame está dividido en catro categorías, das que tres corresponden ás diferentes etapas educativas, mentres que a cuarta está orientada cara a adultos.
O Concello da Coruña achegará os premios correspondentes á primeira, segunda e terceira categoría, destinadas a estudantes de 1º e 2º da ESO, estudantes de 3º e 4º da ESO, e estudantes de Bacharelato, respectivamente.
En cada unha das categorías hai establecidos premios para os mellores traballos no apartado de relatos curtos e poesía, tanto en lingua galega coma en lingua española.
Os doce gañadores recibirán un trofeo conmemorativo e unha tablet.
Na primeira categoría, para estudantes de 1º e 2º da ESO, presentáronse un total de 31 traballos no apartado de relatos curtos. No apartado de poesía, nesta primeira categoría optan trece traballos ao primeiro premio. Na segunda categoría, para estudantes de 3º e 4º da ESO, presentáronse catro traballos no apartado de relatos curtos e seis traballos no apartado de poesía. E na terceira categoría, para estudantes de Bacharelato, son once os traballos presentados en relatos curtos e oito en poesía. Así mesmo, na categoría de adultos son 29 os traballos que optan ao primeiro premio no apartado de relatos curtos e 13 no de poesía.











