Máis de 100.400 consultas avalan a eficiencia asistencial da consulta telefónica na EOXI de Pontevedra e O Salnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Un total de 100.470 consultas telefónicasavalan a eficiencia asistencial e a aceptación da consulta telefónica na Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés no seu primeiro ano de implantación.

Así, os datos de actividade do Servizo Galego de Saúde revelan que, dende a súa posta en marcha nesta área de Xestión Integrada, atendéronse unha media de 379 telefónicas ao día, cifra que representa un 6,64% do total de consultas atendidas.

Esta modalidade permite axilizar as consultas de Atención Primaria, conservando a mesma capacidade de resposta na asistencia e diminuíndo as interrupcións da consulta por chamadas non programadas dos pacientes.

Esta modalidade non presencial para as consultas dos médicos de cabeceira, pediatras, matronas, persoal de enfermería e de traballo social da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, favorece a accesibilidade dos cidadáns ante a demanda atención por un problema de saúde, xestión de receitas e informes, diminúe os seus tempos de espera, evita os desprazamentos innecesarios, e favorece a conciliación familiar e laboral.

Posibilidade a elección do propio paciente

A consulta telefónica consiste en ofrecer a posibilidade -a elección do propio paciente- de realizar a atención sanitaria por medio do teléfono a quen solicite unha consulta. Se o paciente elixe dita modalidade de atención solicítaselle un número de teléfono onde quere recibir a consulta. Deste xeito, o profesional sanitario ponse en contacto co paciente no número indicado para atendelo, deixando rexistrados os datos na historia clínica electrónica.

Ademais, se o facultativo o considera axeitado, poderá realizar a correspondente prescrición a través da receita electrónica, o que permite ao paciente acudir directamente á farmacia a recoller os medicamentos.

Dita vantaxe é posible grazas aos sistemas de información existentes no Servizo Galego de Saúde, que integran a información de Atención Primaria e hospitalaria e que están conectados a todas as oficinas de farmacia.

Doutra banda, se o facultativo considera durante a atención telefónica que o motivo da consulta non pode ser resolto por teléfono, proporcionáselle ao paciente de xeito inmediato unha cita para recibir atención de modo presencial.

Balance da e-consulta en 2014

De xeito complementario, durante o pasado 2014, un total de 1.500 pacientes da área de Xestión Integrada atendéronse a través da e-consulta. Un procedemento que favorece a comunicación entre facultativos de Atención Primaria e dos hospitais de Pontevedra e O Salnés, facilitando consultas entre ambos estamentos a través do sistema de historia clínica electrónica.

Así, a e-consulta facilitou procedementos nas especialidades de Dermatoloxía, Oftalmoloxía, Endocrinoloxía, Estomatoloxía, Alergoloxía e Aparato Dixestivo, co conseguinte beneficio asistencial para pacientes e profesionais da EOXI de Pontevedra e O Salnés.

18 de marzo de 2015 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.