Luís Emilio Batallán celebra 40 anos de “Aí ven o maio” no Liceo de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurense
A-
A+
Luis Emilio Batallán

Luis Emilio Batallán

Deica pouco, Luís Emilio cumprirá corenta maios desde que sacou o seu primeiro disco: “Aí ven o maio”. Ese que o lanzou á fama a mediados da década dos 70´ e que o converteu no disco máis vendido de todos os tempos. Médico de profesión durante moitos anos, agora, Batallán céntrase ao 100% na música.

O sábado 28 de marzo ás 20.30h, o Liceo de Ourense vestirase de gala para recibir a Luís Emilio, alcumado por D. Álvaro Cunqueiro como Lord Batallán. Luís Emilio chega a este concerto co seu novo disco debaixo do brazo e disposto a ofrecer unha homenaxe ao seu primeiro elepé, convertido en lenda. O santiagués está con moitísima ilusión de facer vibrar aos ourensáns coa súa música. “Ourense é unha cidade chea de maxia, tanto non centro histórico da cidade como nos propios cidadáns” afirma Batallán.

Batallán estivo presente nos escenarios durante catro décadas de música con álbums recoñecidos como “Ballet da nena”, “Eres un fármaco” e en 2007, “Tu retrato”. Luís Emilio é coñecido polo público pola súa habilidade ao musicalizar poemas de grandes referentes da literatura galega como Rosalía de Castro (no seu novo disco incorpora o tema “Adiós ríos, adiós fontes” con Pablo Milanés), Celso Emilio Ferreiro (o tan famoso tema “Agardarei”) ou Álvaro Cunqueiro (un dos seus grandes éxitos “Quen puidera namorala” baseado no poema “Non niño no voo do vento”) entre outros. O intérprete presentará cancións do seu novo disco “Había que chegar”, un traballo máis íntimo, máis coidado e máis persoal no que introduce ritmos jazz e blues. Gravado e editado en Estados Unidos, Cuba, Suíza e España e distribuído por Editorial Galaxia, este cantautor continúa ofrecendo concertos tras actuar en Santiago de Compostela, Forcarei, Lalín, Moaña, Celanova, San Vicente do Mar e Caldas. Actualmente, prepara novo disco en castelán, no que conta coas colaboracións de grandes da música como Joan Manuel Serrat ou Joaquín Sabina.

24 de marzo de 2015 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.