‘Lugo Emprende’ impulsa o emprendemento entre os estudantes da provincia e mellorar a súa empregabilidade
A Consellería de Cultura e Educación, a Fundación Alcoa e o diario El Progreso colaboran na posta en marcha do programa ‘Lugo Emprende’, unha iniciativa que ten como principal obxectivo estimular o espírito emprendedor entre os estudantes e, deste xeito, fomentar o emprego entre os máis novos unha vez que se incorporen ao mercado laboral.
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, presentou esta iniciativa nun acto no que estivo acompañado polo director de Alcoa Primario España, Rubén Bartolomé González, e polo director do diario El Progreso, Luis Rodríguez García. Á presentación tamén asistiron a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o director xeral de Educación, Manuel Corredoira.
Segundo explicou o conselleiro, o obxectivo principal do ‘Lugo Emprende’ é “sensibilizar á comunidade educativa da provincia da importancia de construír e fomentar unha nova cultura emprendedora”. Román Rodríguez salientou tamén a necesidade de asegurarlles a máxima preparación posible aos rapaces e rapazas para que sexan capaces de enfrontarse con éxito ao futuro laboral que lles espera ao saír das aulas.
Colaboración empresarial
O conselleiro de Cultura e Educación agradeceu a colaboración da Fundación Alcoa neste proxecto, que financia con 49.600 euros; e que se suma a outras iniciativas no eido da formación profesional que contan co seu respaldo. Tamén expresou os seus parabéns ao diario El Progreso que —ao igual que fixera co proxecto ‘A Mariña emprende’— se encargará da difusión de cada unha das iniciativas que se leven a cabo ao abeiro desta iniciativa.
Cómpre lembrar que o proxecto ‘Lugo emprende’ enmárcase dentro da estratexia que a Consellería de Cultura e Educación vén desenvolvendo a través do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia, ‘Eduemprende’.
Entre outros aspectos como o da formación específica e os supostos prácticos para a posta en marcha dunha empresa, Román Rodríguez fixo especial fincapé no papel que xogan os docentes á hora de fomentar entre os seus alumnos a mellora de competencias relacionadas coa creatividade, a iniciativa, a asunción de riscos e a responsabilidade. Trátase, por tanto, de inculcar a cultura emprendedora desde as etapas iniciais do ensino, para o cal se levarán a cabo diferentes actuacións de sensibilización e formación, dirixidas tanto ás alumnas e alumnos como ao seu profesorado.
Precisamente, o ‘Lugo Emprende’ está dirixido a alumnos de ciclos formativos de Formación Profesional, de Bacharelato, de 1º, 2º,3 e 4º curso de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), de 6º curso de Educación Primaria e Ensinanzas Especiais dos centros educativos da provincia de Lugo.
Compromiso cos novos
Pola súa banda a Fundación Alcoa reitera o seu compromiso coa formación dos novos, que se materializa en diversas colaboracións coa Consellería, como o programa ‘A Mariña Emprende’, a incorporación da formación en prevención de riscos laborais en diversos centros de FP, entre outras iniciativas entre as que cabe destacar o ciclo de grao superior de Química Industrial no IES Marqués de Sargadelos e do ciclo de grao superior de Programación da produción en moldeado de metais e polímetros no IES Illa de Sarón, ambos froito da dita colaboración.
Así mesmo, a Fundación Alcoa vén apoiando proxectos de institucións e organizacións para mellorar as oportunidades en educación e formación, saúde e seguridade e respecto ao medio ambiente, co obxectivo final de contribuír a mellorar a calidade de vida das comunidades nas que Alcoa está presente.
Listado de centros participantes
Cómpre lembrar que esta iniciativa se materializou por primeira vez o pasado curso entre 8 centros educativos da zona da Mariña luguesa. Agora, para o presente curso 2014-2015, o proxecto amplíase a toda a provincia de Lugo e contará coa participación dun total de 20 centros.
Co fin de garantir a máxima accesibilidade e representatividade, escolléronse un centro por cada comarca da provincia (ata un total de 13 centros), catro centros a maiores polos concellos máis poboados (que son o CEIP Luis Pimentel en Lugo, o CPR Padres Escolapios en Monforte de Lemos, o CEIP Antonio Insua Bermúdez en Vilalba e o CEP Luís Tobío en Viveiro), e un centro máis por CIFP con viveiro de empresas que se corresponden cos CIFP Porta da Auga (Ribadeo), CIFP Politécnico de Lugo, e o CIFP As Mercedes, tamén en Lugo.
No que atinxe ás comarcas, os centros escollidos son o CPI Uxío Novoneyra (pola comarca dos Ancares), o IES Plurilingüe Fontem Albei (comarca da Fonsagrada), o IES Val do Asma (comarca de Chantada), o IES Sanxillao (comarca de Lugo), o IES de Foz (Mariña Central), o IES María Sarmiento (Mariña Occidental), o IES de Ribadeo (Mariña Oriental), o IES Pedregal de Irimia (comarca de Meira), o CPI Poeta Uxío Novoneyra (comarca de Quiroga), o IES Gregorio Fernández (comarca de Sarria), o IES Lois Peña Novo (Terra Chá), o IES A Pinguela (Terra de Lemos), e o IES de Monterroso (comarca da Ulloa).