Louzán e Ana Pastor asinarán un acordo para a posta en valor de 23 xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a ministra de Fomento, Ana Pastor, asinarán mañá un convenio, cun orzamento de 6,5 millóns de euros, para recuperar 23 xacementos galaico-romanos da provincia, segundo explicou hoxe en rolda de prensa o titular da institución provincial.
Desta cantidade, o Ministerio de Fomento achegará 4,3 millóns de euros e a Deputación 2,2 millóns. Louzán quíxolle agradecer a “especial sensibilidade” mostrada por Ana Pastor nunha iniciativa que valorou de “transcendente” para a provincia, xa que recupera e pon en valor o seu patrimonio, potencia os recursos e atractivos turísticos e destaca o valor científico e sociocultural destes xacementos.
A Deputación e Fomento desenvolverán as actuacións necesarias para que os xacementos arqueolóxicos galaico-romanos da provincia sexan recuperados mediante o desenvolvemento dun programa integral.
Fomento intervirá no financiamento e a execución das tarefas enmarcadas nas liñas estratéxicas de accesibilidade e musealización. Pola súa banda, a Deputación encargarase do financiamento e a execución das tarefas encadradas nas liñas estratéxicas de limpeza, mantemento, escavación, difusión, promoción e dixitalización.
O prazo de execución dos traballos será de 4 anos. Crearase unha comisión integrada por dous representantes de Fomento e dous da Deputación.
Estas actuacións afectarán a xacementos galaico-romanos de todas as comarcas da provincia, na maioría dos casos os máis importantes. Mañá farase pública a relación dos xacementos incluídos no acordo entre a Deputación e o Ministerio de Fomento.











