publicidade hoxe

López Abella avoga en Cambre pola corresponsabilidade entre homes e mulleres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe nunha mesa redonda en Cambre sobre “O papel da muller na sociedade”, na que destacou que unha das prioridades da Xunta é o fomento da conciliación corresponsable, xa que resulta básica para conseguir a plena incorporación da muller ao mercado laboral.

O acto no que participou a secretaria xeral enmarcase dentro da campaña de sensibilización dirixida aos centros educativos e á poboación en xeral con motivo do Día Internacional da Muller. No acto tamén participaron o alcalde da localidade, Manuel Rivas, a concelleira de Igualdade, María Jesús González Roel, e unha representante do Instituto da Muller.

A presenza desta última vén motivada porque o concello de Cambre foi seleccionado xunto a outros 14 concellos españois para participar no proxecto “Equilibrio e balance”, liderado polo Instituto da Muller e cofinanciado polo Espazo Económico Europeo.

O proxecto conta coa participación da FEMP e a Asociación Noruega de Autoridades Locais e Rexionais e ten por obxectivo deseñar, desenvolver e implantar plans de conciliación da vida familiar, persoal e laboral en ambos países da UE.

Na súa intervención, López Abella insistiu en que “non hai igualdade sen corresponsabilidade” e que a conciliación “non é un problema das mulleres” senón da sociedade, polo que homes e mulleres deber ser solidariamente responsables. “Reforzar o papel dos homes neste eido é fundamental e o seu compromiso, imprescindible”, remarcou.

Para axudar a combater ese desequilibrio, O Goberno galego ten en marcha diversas medidas en prol da conciliación e a corresponsabilidade e xa no VI Plan de Igualdade contempla actuacións de estímulo neste eido, agrupadas nun eixo concreto, baixo o epígrafe “Conciliación corresponsable e calidade de vida”.

Cada ano Igualdade convoca axudas económicas para homes e familias monoparentais que reducen a súa xornada laboral para coidar dos seus fillos e fillas menores de tres anos. Desde o ano 2007, en que se crearon as axudas, beneficiáronse delas 1.349 homes e 445 nais de familias monoparentais. O investimento superou os 4,3 millóns de euros.

Tamén se convoca anualmente outra orde de axudas destinadas aos concellos, cunha liña subvencionable específica para ‘Programas de conciliación’; e o programa Emega para o fomento do emprendemento feminino conta cunha axuda económica para programas de apoio á conciliación do exercicio profesional coa vida persoal e familiar (‘Liña Concilia’). As axudas económicas desta última van dos 1.000 aos 8.000 euros por empresa.

Por último, o departamento de Igualdade da Xunta tamén conta cunhas axudas para as ANPAS, para a realización de programas de actividades extraescolares e complementarias. Esta liña de axudas achegará 250.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e deben estar dirixidas ao alumnado de educación infantil, primaria e de centros de educación especial e ter como fin contribuír á conciliación da vida familiar e laboral.

18 de marzo de 2015 | 20:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.