publicidade hoxe

Localizan unha mochila que podería pertencer ao pescador desaparecido en Oleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleirosSucesos
A-
A+
Europa Press

A Garda Civil localizou este luns unha mochila na zona de Seixo Branco que podería pertencer ao pescador desaparecido este domingo en Oleiros (A Coruña). O dispositivo de busca do home concluíu coa chegada da noite tras os labores que se desenvolveron durante toda a xornada e que non conseguiron dar co desaparecido.

Salvamento Marítimo recibiu pasadas as 23.00 horas deste domingo unha chamada na que se informaba da desaparición do home. Foi a súa muller a que deu a voz de alarma á Garda Civil despois de que o pescador, de 36 anos e nacionalidade marroquí, non regresase tras pasar a tarde na zona da enseada de Canabal e Seixo Branco, en Oleiros.

Durante a noite do domingo mantívose na busqueda o helicóptero ‘Helimer 401’ e as embarcacións ‘Salvamar Mirfak’ e ‘Sar Gavia’, que permaneceron durante a noite na zona. Ademais, colaboraron a ‘Rio Andarax’ da Garda Civil e a ‘Rio Jallas’.

Dende primeira hora da mañá deste luns participaron tamén no operativo por mar a ‘Sar Gavia’, ‘Río Jallas’, o buque da Xunta ‘Irmáns García Nodal’ e a lancha ‘LS Pardo Bazán’ de Cruz Vermella e o Helimer. Por terra, como o domingo, participaron no rastrexo efectivos de Protección Civil de Oleiros.

Coa chegada da noite interrompéronse os labores de busca, que continuarán previsiblemente este martes.

16 de marzo de 2015 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.