Lalín acollerá a 31 edición de Feiradeza e o 21 Concurso Frisón do 26 ao 28 de xuño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLalín
A-
A+

Así o acordou a pasada noite o Comité organizador que decidiu para a próxima reunión a modificación das bases da poxa para ofrecer uns animais de maior categoría e dos premios para tentar conseguir un maior número de vacas de lactación nos concursos

O Comité de Feiradeza reuniuse onte pola noite no Concello para iniciar os preparativos da edición número 31 deste certame de referencia e a edición número 21 do concurso frisón Feiradeza. Así o indica o edil de Actividade e Produción Agraria e Relacións coas Asociacións e Cooperativas Agrarias, Manuel Fernández López, que sinala que os días 26, 27 e 28 de xuño foron os elixidos polo Comité como data de celebración.

Manuel Fernández indica que no encontro “tamén acordamos a designación da veterinaria Gloria Martínez da ADS Xundeva para que, en colaboración cos servizos veterinarios da Consellería leve adiante o programa sanitario que garanta a celebración de Feiradeza”.

“Así mesmo acordamos -explica o edil- estudar para a vindeira reunión do Comité organizador a posibilidade de modificar as bases dos premios de Feiradeza intentando conseguir un maior número de vacas de lactación nos concursos, así como estudar variar as bases da poxa esixindo un maior nivel mínimo dos animais, posto que despois da mellora xenética acadada nestes anos quérese ofrecer uns animais de maior categoría”.

Manuel Fernández precisa que “se manterán os incentivos por cada animal saído a pista así como os sorteos de becerra e xovenca para o público asistente”. “Haberá tamén premios de embrións e xovencas para o sorteo e premios para os concursantes”, indica.

En canto á alimentación dos animais, estará baseada en penso concentrado de Xuncoga e veza e avea, puntualiza. Contarase tamén co stand das cooperativas con degustación de alimentos da zona, afirma.

O Comité de Feiradeza está presidido polo alcalde e forman parte del o concelleiro de Actividade Agraria; a dirección e xerencia de Africor Pontevedra; presidentes e membros da xunta directiva das cooperativas da zona, gandeiros expertos en produción e xenética, veterinarios da Deputación e da ADS Xundeva e tamén o xefe de área dos servizos veterinarios oficiais da Consellería.

26 de marzo de 2015 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.