Kalandraka presenta a obra galardoada co VII Premio Compostela na Feira de Boloña a obra galardoada co VII Premio Compostela

Kalandraka na Feira de Boloña

Kalandraka na Feira de Boloña

Editores, axentes literarios, autores e ilustradores, entre outros profesionais do ámbito das publicacións, reúnense dende hoxe na 52ª Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, na que Croacia é o país invitado. KALANDRAKA volve participar un ano máis nesta cita sectorial -a máis importante do mundo dedicada aos lectores máis novos- cun stand propio no que destacan as ilustracións de “Ícaro”, galardoada co VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.

Canda “Ícaro”, de Federico Delicado, tamén se presentan como novidade “Ratos da casa”, do autor galego Xosé Manuel González ‘Oli’ e da ilustradora arxentina Natalia Colombo, que sairá do prelo a principios de abril; e un adianto de “Cadros dunha exposición”, a nova entrega da colección de música clásica, dos tamén galegos José Antonio Abad e Xosé Cobas. Ademais, “Leviatán”, do pintor vigués Ramón Trigo, distinguida co Premio Lazarillo de Álbum Ilustrado e recentemente co Premio Isaac Díaz Pardo de ilustración; e o libro-disco de cantos de arrolo tradicionais “Non hai berce coma o colo”, de Magoia Bodega e Paulo Nogueira, ilustrado por Mariona Cabassa.

Ao longo dos catro días que dura esta feira, o stand de KALANDRAKA recibirá a varios autores e ilustradores que asinarán exemplares dos seus traballos: os italianos Chiara Carrer e Marco Somà, ilustradores de “Fálame” e “A galiña vermella”, respectivamente, xunto con Roberto Parmeggiani, autor de “A avoa adormecida”, e Arianna Papini, autora de “Quen falta?”, “Que che gustaría ser?” e “Ser amigos”; as chilenas Maya Hanisch e Paloma Valdivia, autoras de “Cor animal” e “Os de arriba e os de abaixo”; e os creadores de “No hay dos iguales”, Javier Sobrino e Catarina Sobral, unha artista plástica portuguesa que en 2014 gañou o Premio Internacional de Ilustración da Feira de Boloña.

Paralelamente, haberá actividades abertas ao público en librarías especializadas de Boloña: Arianna Papini e Roberto Parmeggiani presentarán as edicións en italiano de “Quen falta?” e “A avoa adormecida”, respectivamente, nas librarías Ubik e Trame.

ANIVERSARIO DE KALANDRAKA

Este vindeiro 2 de abril -Día Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil- cumpriranse 17 anos da fundación de KALANDRAKA, un proxecto plurilingüe que iniciou a súa expansión coa creación de Kalandraka Portugal en 2002 e que continuou en 2008 con Kalandraka México e Kalandraka Italia.

Este aniversario cadra en vésperas do fallo do xurado do VIII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, que se dará a coñecer o vindeiro 9 de abril no marco da XV Campaña Municipal de Animación á Lectura no Concello de Santiago.

30 de marzo de 2015 | 11:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.