Juancho Armental adianta os detalles do ” Empresa & Deporte” do Club de Empresas Obradoiro
O Club de Empresas Obradoiro prepárase para unha das actividades máis esperadas do ano, a xornada ” Empresa & Deporte: Unha conversa sobre a dirección de grupos e a resolución de conflitos”. O evento terá lugar o próximo mércores 25 de marzo a partir das 19.30 horas, no Club Financeiro de Santiago, co patrocinio de AON, empresa líder mundial en servizos de corretaxe de seguros.
Un dos seus protagonistas, o xerente do grupo Arestora, Juancho Armental, adiántanos algúns detalles da conversación pública que terán el e o adestrador do Rio Natura Monbus Obradoiro, Moncho Fernández. Gustaríanos achegar aos asistentes unha posibilidade, un xeito de facer as cousas, non só na xestión da empresa en si, senón principalmente na dos seus equipos de traballo, declara o profesional.
A actividade, que gardará sorpresas, “intentará canalizar un discurso que sirva a todos os presentes, relacionados directamente co mundo empresarial, pero partindo tamén da versión deportiva, achegada neste caso por Moncho Fernández,” explica o boirense.
Armental, ex futbolista e actual nadador en augas abertas ademais de consultor no mundo dos recursos humanos, recoñece que a canle de relación empresa-deporte “é o meu mundo”. “Levo toda a miña vida relacionado co alto rendemento deportivo, tanto con técnicos coma con xogadores, e a miña especialidade son as persoas, polo que é do que máis ou mellor podo falar. Esperamos, dende logo, que a actividade resulte de interese aos presentes e poder así repetila por máis anos”.
O xerente do Grupo Arestora, membro do Club de Empresas Obradoiro, cualifica a relación da firma co Rio Natura Monbus Obradoiro como “moi frutífera para ambas as dúas partes do binomio”. Tras as intervencións, os presentes poderán gozar tamén dunha sesión práctica co mestre cervexeiro Fernando Iglesias, titulada “Así tírase unha cervexa”, cortesía de Estrella Galicia.