John Németh debuta en Galicia dentro do ciclo Blues Nite by 1906

John Németh
Recentemente galardoado como Mellor Artista de Soul Blues nos Blues Music Awards, John Németh visita por primeira vez Galicia. Será este mércores 11 de marzo, ás 21:30 horas, na Sala Capitol, enmarcado dentro do programa do ciclo Blues Nite by 1906. Para moitos unha das mellores voces de soul blues do mundo e un verdadeiro virtuoso da harmónica, John Németh e fillo de inmigrantes húngaros cun sobranceiro talento natural que creceu en Boise, Idaho. A súa carreira profesional comeza no 2000 xirando con Junior Watson e en 2004 publica o seu debut discográfico en solitario, Come and get it. Trasládase a California e asina un contrato con Blind Pig Records para editar tres novos discos.
O Philadephia Inquirer foi o primeiro medio que incluíu a John Németh nunha lista de novos talentos do soul, xunto a nomes como James Hunter, Eli “Paperboy” Reed e Sharon Jones. En 2013 trasládase a un dos berces do soul e do blues, Memphis, e ficha por Blue Corn Music, selo de American Roots que publica Memphis Grease, o sétimo álbum de John Németh, que con seguridade é un dos mellores discos deste xénero no que levamos de século.
Entradas e Bonoblues
As entradas están dentro do Bonoblues e soltas teñen un prezo de 13 euros anticipada e 16 euros o día do concerto. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal (de 18:00 a 21:00 h), en Ticketea, Miranda, A Reixa Tenda e salacapitol.com.
Existe a posibilidade de mercar un Bonoblues para todos os concertos ou para tres deles. O bono para todos os concertos ten un prezo de 40 euros; o de 3 ten un prezo de 28 € e será para os de Németh, Jones e The Reverend… O Bonoblues pode mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal.











