publicidade hoxe

Inés Abril e Rafa Centeno formarán parte do xurado do VIII concurso gastronómico ‘Cigarrón de Verín’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

O Concello de Verín xa pechou o xurado que valorará aos/ás participantes na oitava edición do concurso gastronómico ‘Cigarrón de Verín, que terá lugar o sábado 21 de marzo, a partir das 10.15 horas, no Pavillón Municipal de Deportes de Verín.

Nesta edición os membros do xurado serán Inés Abril -concursante da segunda edición do programa Top Chef de Antena 3 -, Rafa Centeno -do restaurante ‘Maruja Limón’ de Vigo, que conta cunha estrela da Guía Michelín, e integrante do grupo Nove-, Marta Fernández -directora de marketing da Denominación de Orixe Monterrei- e Susana Eugénia de Cadete Reis -assessora da Direção Pedagógica da Escola Profissional de Chaves (Portugal)-.

O concurso, de carácter libre, atópase dividido en dúas categorías diferenciadas: alumnos/as de escolas de         hostalería – profesionais da restauración e afeccionados/as. O número de participantes será dun máximo de dous por receita, os pratos presentados deben ser de creación propia e englobarse nun dos seguintes dous apartados: prato principal e sobremesas (son os mesmos apartados para as dúas categorías, e no apartado de prato principal o ingrediente básico debe ser cabrito ou bacallau, e ir acompañado dunha guarnición característica da zona)-. Ademais, cada participante debe elixir o apartado no que compite, podendo presentar unha única candidatura, elaboralo en show cooking -cociña en vivo, diante do público, e con explicación ao xurado- e maridalo con viño da D.O. Monterrei.

Elaboración, degustación, presentación, maridaxe e utilización de ingredientes da zona -mínimo tres- serán son os criterios esixidos polo xurado para puntuar os pratos participantes, que optarán aos premios Gran Cigarrón -para o prato principal tanto na categoría alumnos/as de escolas de hostalería – profesionais da restauración como a de afeccionados/as, é dicir, dous galardóns dotados cada un con 400 euros (un será patrocinado polo Concello de Verín e o outro pola Denominación de Orixe Monterrei)- e Cigarrón Doce -na de sobremesas, tamén para as dúas categorías de participantes, e cun valor de 200 euros cada un, apadriñados por AEHCOM (Asociación Hostaleiros de Verín) e o outro por Aceites Abril. Os/as interesados/as en participar no concurso ‘Cigarrón de Verín’ deben formalizar as súas inscricións antes do 17 de marzo, ata as 14 horas, no Concello de Verín ou no fax 988-411900.

Este evento está organizado polo Concello de Verín e patrocinado por: Eurocidade Chaves-Verín AECT, Plan de Competitividade Turística Puertas de Galicia, Inorde, Deputación Provincial, Xunta de Galicia, Gadis, Cabreiroá, Construcciones Hnos. Carrajo, D.O. Monterrei, Socitransa, Parador de Verín, Vipeca, Aceites Abril, Pirotecnia Xaraiva, La Caixa, Caja Rural de Zamora, Estradas Galegas SL, MRW, Esinor, AEVER-CCU Verín e AEHCOM.

14 de marzo de 2015 | 12:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.