Inaugúrase o albergue de peregrinos xestionado pola Asociación de Veciños Santa Ana de Veigadaña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Esta mañá abría as súas portas o novo albergue de peregrinos de Mos instalado no local social da Asociación de Veciños Santa Ana de Veigadaña. Con motivo da apertura, as instalacións recibiron a visita da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e da concelleira de Cultura mosense, Sara Cebreiro, que estiveron acompañadas polo presidente da asociación veciñal, José Manuel Pousada Fernández, e demais membros da directiva da mesma, así coma habitantes da zona de Veigadaña.

A A.V.V. de Veigadaña decidiu que unha parte do local da asociación sexa empregado como Albergue de Peregrinos, ó atoparse o edificio ubicado en pleno Camiño Portugués a Santiago de Compostela; e precisar o Concello de Mos de máis prazas de albergue posto que, ata o de agora, tan só existía un único albergue de peregrinos.

A relevancia da creación deste novo albergue radica, en primeiro lugar, en que será un importante motor para o barrio da Veigadaña, xerando na zona un movemento que repercutirá positivamente no aumento do consumo, creación de postos de traballo, etc. En segundo lugar este albergue serve de reforzo ó de Santa Baia, na parroquia de Mos, que soe estar desbordado ó tratarse do único Albergue de Peregrinos existente no municipio mosense ata o de agora; polo que beneficiará, en xeral, a todo o Concello e a tódolos camiñantes que desexen facer parada e pernoctar en Mos.

Segundo explicaba Pousada esta mañá o albergue permanecerá aberto diariamente en horario de 13.00 horas a 22.00 horas cando non haxa peregrinos aloxados, mentres que se hai peregrinos abrirase a primeira hora da mañá para dar servizo de almorzos. O presidente da agrupación veciñal apuntou tamén que foi a propia Axencia de Turismo de Galicia, que asesorou á Asociación de Veciños durante todo o proceso de estudio, deseño, proxección e tramitación deste novo albergue.

Durante o presente ano 2015 o albergue da Veigadaña permanecerá aberto durante a tempada alta de peregrinaxe a Santiago, isto é, ata finais de outubro aproximadamente.

Os usuarios destas instalacións contan, ademais de con servizo de aloxamento, con cafetería, posibilidade de selado da cartilla para a obtención da Compostelana e material gráfico con información turística sobre o Camiño de Santiago Portugués, sobre a provincia de Pontevedra e sobre o Concello de Mos.

Por último, Pousada quixo agradecer o apoio do Concello de Mos a este proxecto e puntualizar que só unha parte do local social da A.V.V. Veigadaña se habilitou como Albergue de Peregrinos, mentres que o resto das instalacións continuarán funcionando como ata o de agora, como sede da asociación. “Os veciños e veciñas da Veigadaña poderán seguir participando como sempre en tódalas actividades e cursos que organizamos no local da Asociación”, declaraba o presidente, quen concluiu aproveitando para animar ós habitantes da zona que aínda non o fagan, a participar nas iniciativas promovidas pola Asociación de Veciños Santa Ana de Veigadaña.

13 de marzo de 2015 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.