publicidade hoxe

Homenaxe a Uxía Senlle e á música galega no II Certame Galego das Artes pola Igualdade de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Ata o 8 de abril poderán presentarse orixinais ao II Certame Galego das Artes pola Igualdade de Xénero, que nesta segunda edición está dedicado á música e no que se lle rende homenaxe á cantante Uxía Senlle. A empresa Bolboreta S.C. organiza este concurso literario en colaboración con San Sadurniño e outros concellos da comarca. O certame fallarase o 13 de abril e os premios entregaraos a propia Uxía Senlle o sábado 18 nun acto público que se celebrará na Casa do Concello.

Todas as obras que se presenten ao concurso deberán estar escritas en galego normativo, ser orixinais e ter unha extensión mínima dun folio e máxima de dous por unha soa cara, ademais da portada. Por suposto, o tema central deberá ser a igualdade entre mulleres e homes.

Hai tres categorías: infantil para participantes de 7 a 11 anos, xuvenil para quen teña entre 12 e 18 e, por último, categoría adulta para maiores de idade. En cada unha delas entregaranse dous premios, compostos por un diploma acreditativo, libros e unha cantidade en metálico: 100 euros para os primeiros premios de cada categoría e 50 para os segundos. 

Os textos admitiranse ata as 15 horas do 6 de abril e haberá que envialos por correo certificado á rúa Telleira nº 13, 15320, As Pontes. Os traballos terán que ir nun sobre xenérico co título da obra e a categoría. Dentro del haberá que meter outro sobre pechado cos datos persoais do autor ou autora. 

O xurado estará formado por unha filóloga, un ou unha representante do grupo poético Alalá e por un ou unha poeta galega de renome. Desbotarán automaticamente calquera obra que estimen irreverente, que faga apoloxía de actos delitivos, que sexa soez ou que presente graves incorreccións gramaticais ou ortográficas. O resultado do certame decidirase o día 13 de abril. 

Os premios entregaranse o día 18 de abril a partir das 12 nun acto que terá lugar na Casa do Concello coa participación da cantante e escritora á que se lle dedica este segundo certame de ámbito galego. Desde Bolboreta S.C. indican que será obrigatoria a presenza no acto das persoas gañadoras. Pode obterse máis información sobre o certame contactando coa empresa no teléfono 658.065.584, ou ben a través do correo bolboretaanimacion@outlook.es.

Na organización do certame colaboran, ademais de San Sadurniño, os concellos das Pontes e A Capela e a editorial Galaxia. Ademais, tamén prestou a súa axuda o pintor Manuel Carballeira, autor do deseño do cartel.

18 de marzo de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.