Hernández espera que a detención de Raúl López non afecte ás concesións das súas empresas en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Santiago, Agustín Hernández, dixo este xoves que espera que a detención do empresario Raúl López por orde da xuíza Pilar de Lara “non afecte ás concesións de distintos servizos municipais que as súas compañías teñen na capital galega.

Preguntado respecto diso en rolda de prensa, o rexedor sinalou que “a través de diferentes empresas, Raúl López ten vinculacións co Concello de Santiago” e fixo fincapé en que confía en que “as incidencias que están a ocorrer non provoquen ningún efecto negativo” na prestación dos servizos asignados.

En canto á posibilidade de que se revoguen esas concesións, resolveu que toca “respectar a Xustiza” e “esperar as informacións” relativas a unha operación “que parece que se está a iniciar”. “A obrigación do concello é vixiar e estar atentos para que os diferentes concesionarios presten os servizos de acordo coas estipulacións dos contratos”, resolveu.

Máis aló deste asunto, o primeiro edil compostelán rexeitou pronunciarse sobre o caso e limitouse a expresar o seu “máximo respecto ás actuacións xudiciais” e a pedir “celeridade e claridade”. “E, loxicamente, esperar que non afecte ao normal desenvolvemento das actividades de empresas que prestan o seu servizo no concello”, finalizou Hernández.

19 de marzo de 2015 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.