Guadi Galego ofrece un concerto en Redondela dentro da rede de Músicas Soltas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioRedondela
A-
A+

A Rede de Músicas Soltas, organizada pola Concellaría de Cultura e mais a Central Folque, continúa este sábado co concerto de GUADI GALEGO. Este ciclo desenvólvese en Redondela de xaneiro a xuño, nunha cita mensual coas mellores músicas populares contemporáneas galegas e peninsulares, en formato próximo e acústico.

O sábado 21 de marzo, ás 21.00 h, o auditorio da Xunqueira acolle o concerto de Guadi Galego, no que presenta o seu novo traballo Lúas de outubro e agosto.

Guadi Galego éunha das artistas máis relevantes da escena musical galega, cunha traxectoria musical moi intensa e rica: foi voz principal e gaiteira do grupo Berrogüetto, e tamén formou parte como intérprete e compositora doutros proxectos colectivos como Nordestin@s, Espido e aCadaCanto.

Guadi Galego preséntase agora cun son máis pop e unha expresión artística máis madura e atrevida, con matices máis melódicos pero á vez máis arriscados. Presenta Lúas de outubro e agosto, o seu segundo traballo como solista tras o álbum Benzón, publicado en 2009.

As cancións incluídas neste novo traballo teñen o nexo común da esencia do vivido, preñado de madurez, emoción, intensidade e delicadeza. É un exercicio de inspiración que procura vías non exploradas e propón unha música sincera e sorprendente.

Este segundo álbum de Guadi Galego gravouse en xuño de 2014 nos estudos Alis Records de Baeza, coa produción musical de Pachi Alis, que soubo entender a Guadi e conseguir un resultado sofisticado e sorprendente. Conta coas colaboracións de Santi Cribeiro ao acordeón e Pablo Pascual aos clarinetes.  As entradas, á venda dende hoxe no propio multiúsos da Xunqueira, custan 4 €.

18 de marzo de 2015 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.