Galicia e a Macrorrexión do suroeste de Europa celebran a primeira xuntanza do grupo de traballo sobre demografía en Coimbra
Galicia e o resto de rexións que forman parte da Macrorrexión do Suroeste de Europa (RESOE) veñen de desenvolver en Coimbra (Portugal) a primeira xuntanza do grupo de traballo para loitar en común contra a problemática demográfica. A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, participou na xuntanza ‘Os cambios demográficos e o envellecemento’ onde se acordou elaborar un memorando conxunto que reflicta os problemas comúns das rexións integradas na RESOE en materia de demografía e de envellecemento, como punto de partida para establecer prioridades estratéxicas comúns.
Na reunión, ademais, acordouse traballar na identificación de boas prácticas que permitan unha aprendizaxe mutua entre as rexións, coa finalidade de potenciar a innovación social na loita contra estes problemas, así como continuar reunindo este grupo de traballo cunha periodicidade de seis meses para seguir afondando na abordaxe conxunta nestas cuestións.
A Macrorrexión RESOE naceu en 2010 como unha iniciativa de cooperación territorial pioneira no sur do continente europeo para gañar máis peso en Europa, ademais de aumentar as posibilidades de acceder a fontes de financiamento comunitario a través do establecemento de prioridades estratéxicas para o territorio que abrangue. Coa creación de RESOE logrouse un reforzo da alianza político institucional entre Galicia, Castela e León, o Norte de Portugal e, recentemente, Asturias e a Rexión Centro de Portugal. As tarefas de cooperación articúlanse en cinco grupos de traballo: demografía, transporte e loxística, competitividade industrial, turismo e fomento do emprego e de educación e cultura e I+D+I.
González lembrou que Galicia forma parte doutras tres redes ou programas de ámbito europeo e nacional para loitar contra o problema demográfico, é dicir, leva traballando desde hai meses en rede con outros territorios e coas institucións comunitarias implicadas na materia, un traballo que se reflicte en varias iniciativas.
Así, a Xunta é membro da Rede de Rexións Afectadas polo Cambio Demográfico (http://dcrn.eu/) xunto con outros 40 territorios europeos. Lidera o proxecto europeo Symbios- http://www.proxectossymbios.eu/ (no que participan Irlanda, Portugal, Países Baixos e Finlandia) que busca o intercambio de experiencias e ideas na loita contra o problema demográfico e a exclusión territorial causada pola dispersión. Ademais, participa, xunto con outras cinco rexións españolas, do Foro de rexións con desafíos demográficos (FREDD).
Este Foro, entre outros avances conseguidos a través do traballo conxunto destas seis comunidades, acadou que o Goberno central incluíra un obxectivo transversal denominado “cambio demográfico” no Acordo de asociación de España 2014-2020 remitido á Comisión Europea, coa finalidade de reforzar o financiamento comunitario para as estratexias de relevo xeracional.
Así mesmo, a Consellería de Traballo e Benestar está a promover varios encontros sobre demografía en Galicia. En novembro de 2013 celebrouse a Xornada Internacional de Sensibilización Demográfica en Santiago e o 21 de marzo o Congreso Internacional de Demografía.
Por último, González lembrou que o Goberno galego aprobou o primeiro Plan de dinamización demográfica de Galicia, que se empezou a executar en abril de 2013, e que constitúe unha “folla de ruta” composta por 69 medidas para facer fronte á problemática da demografía. Actualmente, e en menos de dous anos, xa están a executarse máis do 60 por cento destas actuacións.











