Finaliza a demolición do posto que quedaba en pé na contorna do Fórum no antigo campo da feira da Milagrosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Concello vén de demoler hoxe o último posto que quedaba do mercado gandeiro da Milagrosa situado na contorna do Fórum Carballo. Era o único que estaba en pé no antigo campo da feira, xa que, no seu día, o Concello chegara a acordo con todos os concesionarios restantes. Neste caso, nun pleno celebrado en setembro de 2014, a corporación aprobara por unanimidade a resolución da concesión deste posto. Así, os seus 30 anos de concesión -non prorrogables- expiraban en decembro de 2014 e coa resolución plenaria comezaron os trámites para comunicarllo aos veciños afectados. Unha vez resolto todo o expediente administrativo, finalmente puido procederse hoxe, venres 6 de marzo, á demolición desta estrutura, o que permitirá liberar a contorna do recinto do Fórum e que toda a área sexa utilizada para a mesma finalidade. Agora, o Concello poderá proceder a reurbanizar o espazo que estaba ocupado por este posto e unificar toda a contorna do Fórum. Hai que lembrar que o proceso para eliminar ou reubicar os 27 postos da antiga feira do gando de Carballo comezou hai case unha década, cando empezaba a tomar forma o proxecto para a construción do recinto do Fórum Carballo.

6 de marzo de 2015 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.