Ferrol únese ao proxecto Cidades en Rede contra o cConsumo de Alcohol en Menores
A concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Rosa Martínez Beceiro, informou hoxe da adhesión de Ferrol ao proxecto de Cidades en Rede contra o Consumo de Alcohol por Menores de Idade, a través da campaña “Menores nin unha pinga. Máis de cen razóns para que un menor non beba”. Esta proposta foi abordada na comisión informativa da Área desta mañá e contou co voto favorable de todos os grupos municipais, agás a abstención do BNG. A edil ferrolá explicou que a proposta foi consultada anteriormente coa Asociación de Ex-Alcohólicos de Ferrol.
Martínez Beceiro explicou que a iniciativa está impulsada polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, e pola Federación Española de Bebidas Espirituosas (FEBE); e parte da preocupación ante os últimos informes que constatan que os menores se inician no consumo de bebidas alcohólicas aos 13 anos. Neste contexto, ponse en marcha un proxecto específico dirixido á prevención do consumo de alcohol en menores, ao que o Concello de Ferrol se adhire pasando así a integrar a rede de cidades contra o consumo de alcohol por menores de idade. Baixo o lema “Menores nin unha pinga. Máis de cen razóns para que un menor non beba”, búscase loitar contra o consumo de alcohol en menores de idade a través da prevención, educación, información e sensibilización da sociedade para previr o consumo de alcohol en menores.
A campaña está dirixida a toda a cidadanía, con especial incidencia nas familias e os propios mozos e mozas, e pretende implicar a toda a sociedade a través de rostros famosos, buscando a participación das institucións públicas e privadas. Neste senso, a edil Rosa Martínez apuntou esta será unha das accións específicas que se desenvolverán, e que a vindeira semana se consensuará con todos os grupos municipais a selección e solicitude a tres persoeiros ou institucións locais do ámbito deportivo, artístico ou periodístico para a súa implicación e apoio a campaña como “rostro visible”. Ao fío disto, explicou que o apoio dos seleccionados se materializará en formato audivisual na páxina web: www.menoresniunagota.com. Tamén se implicará a hostalería da cidade baixo o lema “Eu non vendo a menores”.
Divulgación de material informativo e concursos
Outra das accións para loitar contra o consumo de alcohol en menores, se centrará na difusión de materiais dirixidos a pais e nais a través dos centros educativos ou a Casa da Xuventude. Ademais se realizarán actividades de información e prevención incluíndo a promoción de ocio alternativo e diferentes concursos que buscan a implicación e participación dos menores na campaña como certames fotográficos, deportivos, musicais, artísticos… A concelleira de Benestar Social sinalou que a rede contra o consumo de alcohol en menores de idade conta cun gran número de cidades adheridas como Granada, León, Huelva, Málaga, Córdoba, Cádiz, Ávila ou Alcobendas, entre outras.