Ferrol renova o convenio de colaboración con Cogami para programas de inserción laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; e o presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) en Ferrol, Anxo Queiruga, asinaron hoxe un novo convenio de colaboración que ten por obxecto promover a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado de traballo para persoas con discapacidade a través de accións para a inserción laboral. A concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, tamén asistiu ao acto de firma deste acordo de cooperación, que tivo lugar no Salón de Recepcións do Pazo Municipal, e cuxa contía ascende a 9.000 euros.

Rey Varela destacou a importancia deste convenio “que nos permite colaborar no mantemento deste servizo que ten tan bos resultados”. Neste senso, o rexedor municipal reiterou que a integración laboral “é unha prioridade para o Goberno que presido, e sobre todo coas persoas con discapacidade”. Así mesmo, o alcalde considerou fundamental apoiar esta iniciativa, ao tempo que felicitou a COGAMI polo traballo que realiza ao longo de todo o ano. Ademais, o primeiro edil da cidade recalcou os convenios directos que o Goberno Municipal de Ferrol subscribe coas entidades sociais da cidade e que se recollen anualmente nos orzamentos municipais. “Que supoñen un plus de resistencia para estes entidades”, dixo o alcalde.

Insercións laborais

O presidente de COGAMI-Ferrol, Anxo Queiruga, agradeceu a colaboración do Concello de Ferrol que cualificou de “imprescindible”, ao tempo que encomiou o compromiso da Administración ferrolá “para que sigamos traballando na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade”. Así mesmo, expuxo os datos do Servizo de Intervención Laboral que presta a entidade e que sufraga en parte co achega municipal recollida no convenio asinado hoxe co alcalde Jose Manuel Rey. Así, este servizo laboral contou con 2.700 usuarios adscritos a esta bolsa de emprego; e conseguiu no último ano 208 insercións laborais de persoas con discapacidade.

Anxo Queiruga tamén destacou o traballo intenso que están a realizar xunto co tecido empresarial de Ferrol “moitas das contratacións son nos sectores de servizos, hostalería e almacenamento”. Ademais, resaltou unha das accións formativas levadas a cabo durante o ano, un curso de conducción de microbuses que conta co 100% de reinserción laboral.

24 de marzo de 2015 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.