Ferrol recupera en Semana Santa a ruta da construción naval e as visitas teatralizadas ao castelo de San Felipe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

A Concellería de Turismo do Concello de Ferrol, que dirixe María del Carmen García Fraga, recupera a Ruta da Construción Naval durante os festexos de Semana Santa. Así, o obxectivo desta iniciativa é que tanto os ferroláns como as persoas que visiten a cidade nestas datas poidan coñecer o complexo naval e militar da nosa ría, polo que a ruta de turismo industrial será reactivada do 2 ao 5 de abril.

Para as visitas guiadas ao Arsenal Militar poderanse adquirir os tickets na oficina de Turismo da dársena de Curuxeiras, onde comezará o percorrido militar ás 11:00 horas -a primeira visita- e ás 12:30 horas -a segunda-. No caso de Navantia, o city-tren sairá da Praza de Galicia -xunto ao Teatro Jofre- ás 11:00 horas, o primeiro grupo, e ás 12:30 horas o segundo; e os tickets poderán ser adquiridos no mesmo city-tren. Xa que as prazas son limitadas, en ámbalas dúas visitas será necesario realizar unha inscrición previa na oficina de Turismo de Curuxeiras, ou ben chamando ao teléfono: 696 531 070.

Ademais, do 2 ao 4 de abril, tamén terán lugar as visitas teatralizadas ao Castelo de San Felipe. Os interesados poderán visitar a fortaleza ferrolá realizando un paseo en lancha pola ría, con saída ás 16:45 horas dende o peirao de Curuxeiras; ou ben acercándose ao propio Castelo de San Felipe e uníndose á visita teatralizada ás 17:45 horas.

Outras visitas

Dentro das propostas turísticas para esta Semana Santa, tamén está a visita guiada ao Pazo de Capitanía que se realizará o sábado 4 de abril. Para poder visitar gratuítamente este histórico inmoble será necesario formalizar a preinscripción no teléfono 696 531 070. Haberá dous pases, un ás 11:30 horas e outro ás 12:15 horas.

Horario de verán no Castelo de San Felipe

Noutra orde de cousas, a Concellería de Turismo informa que o vindeiro luns, día 30 de marzo, entra en vigor o horario de verán para as visitas gratuítas ao Castelo de San Felipe. Este cambio horario permite que o público poida coñecer a fortaleza ferrolá de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, de luns a domingo, durante toda a tempada de verán.

24 de marzo de 2015 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.