Ferrol consensúa coa Asociación Diversidade Funcional a redacción da ordenanza municipal de accesibilidade
O concelleiro de Infraestruturas, Urbanismo e Contratación do Concello de Ferrol, Guillermo Evia Pérez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo cos responsables da empresa Eptisa, adxudicataria da redacción da ordenanza municipal de accesibilidade, e diferentes representantes de colectivos con mobilidade reducida da cidade, que aportaron as súas suxerencias ao documento. Nesta xuntanza de traballo que abordou a que será a primeira ordenanza municipal que atenda á accesibilidade tamén participaron técnicos do departamento de Urbanismo.
Deste xeito, o executivo local da cumprimento a unha moción aprobada polo Pleno da Corporación Municipal para dotar a Ferrol da que será a súa primeira ordenanza municipal na materia. Neste sentido, e de maneira paralela, a administración municipal acaba de licitar a redacción do proxecto para a mellora da accesibilidade de 200 cruces de peóns no municipio ferrolán. O importe da licitación para a redacción do proxecto é de 33.277,17 euros (IVE incluído) e o prazo de redacción é de 3 meses; mentres que a execución do mesmo rondará os 200.000 euros, segundo a reserva orzamentaria feito polo concelleiro de Infraestruturas, Urbanismo e Contratación, Guillermo Evia. Así, dende o Concello de Ferrol se traballa en dúas direcións complementarias: a mellora das infraestruturas e o cumprimento da accesiblidade.











