Ferrol acollerá unha nova edición de Equiocio do 2 ao 5 de abril
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; e os responsables do Club Deportivo Equiocio, Federico Pérez Lago e Ana Pérez Lago, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a organización da décimo oitava edición do Salón do Caballo. Neste acto de sinatura, que tivo lugar no Salón de Recepcións do Consistorial ferrolán, tamén estivo presente a concelleira de Deportes e Educación, Susana Martínez Galdós. Esta XVIII edición de Equiocio terá lugar do 2 ao 5 de abril no recinto feiral e municipal de Punta Arnela.
Jose Manuel Rey destacou que este acordo garante a realización deste evento ecuestre internacional que se consolida na máxima categoría nacional coas catro estrelas. “Este concurso hípico destaca polo seu ámbito deportivo pero tamén familiar”, dixo o alcalde. Neste senso, o primeiro edil da cidade engadiu con especial importancia as connotacións turísticas “que complementan a semana máis grande da nosa cidade, a Semana Santa”, recalcou. Así mesmo, o rexedor municipal salientou a alta participación da anterior edición con 45.000 visitantes ao recinto de Punta Arnela. A rúbrica deste convenio recolle unha aportación municipal de 28.500 euros.
Pola súa banda, o director de Equiocio, Federico Pérez Lago, agradeceu o apoio “que un ano máis realiza o Concello de Ferrol”, ao tempo que destacou a espectacularidade desta nova edición “polo número de cabalos e xinetes”. Ao fío disto, Pérez Lago sinalou que “será o mellor concurso de todos os tempos, xa que competirán oito xinetes gañadores de outras edicións”.