Ferrol abre un servizo de atención cidadá para tramitar as solicitudes do ticket electrónico social
A Concellería de Benestar Social do Concello de Ferrol, que dirixe Rosa Martínez Beceiro, informou da posta en marcha do servizo de tramitación para a solicitude das axudas económicas para o pagamento da factura eléctrica, a través do ticket eléctrico social, correspondente ao segundo semestre de 2014. As axudas, convocadas polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), están dirixidas as familias nas que convivan fillos menores de 18 anos e nas que a suma dos ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM de 2013.
O ticket eléctrico social consiste nunha axuda directa de 90 euros semestrais para as familias que cumpran os requisitos, e 150 euros no caso de familias numerosas. A presentación das solicitudes para a concesión do ticket eléctrico realizarase por medios electrónicos, polo que as persoas que non teñan acceso aos medios tecnolóxicos poderán realizalo a través dos servizos sociais do Concello de Ferrol. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 30 de abril.
Poderán solicitar esta axuda as persoas residentes en Galicia que teñan ao seu cargo fillos menores de 18 anos e un gasto derivado do subministro de enerxía eléctrica na súa vivenda habitual. Así mesmo, a unidade familiar en convivencia non poderá superar 1,5 veces o IPREM de 2013. O Instituto Enerxético de Galicia resolverá a concesión das axudas no pazo dun mes contado dende o día seguinte á data da súa presentación. Ademais, se abrirá entre o 1 de xullo e o 15 de setembro un novo prazo de solicitude para as axudas económicas para o pagamento da factura eléctrica, a través do ticket eléctrico social, correspondente ao primeiro semestre de 2015.