Feijóo destaca a traxectoria de Salvador García-Bodaño no acto de entrega da Medalla de Ouro de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Feijóo na entrega do recoñecemento ao escritor. Foto: X. Crespo

Feijóo na entrega do recoñecemento ao escritor. Foto: X. Crespo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, durante o acto de entrega da Medalla de Ouro da cidade de Santiago de Compostela e do título de Fillo Adoptivo a Salvador García-Bodaño, a traxectoria do escritor galego e lembrou que forma parte dunha xeración que entendeu que o galeguismo non era único, pero que podía ter territorios compartidos.

Nesta liña, Feijóo aseverou que onde non existen eses territorios compartidos non é posible a existencia dun país, “e nós o somos”, aseverou, logo de incidir en que “non existiron nin existen en Galicia fendas insuperables, diferenzas insalvables ou discrepancias que non poidan atopar un punto de encontro”.

“A nosa sociedade é plural, pero está provista de numerosas pontes polas que circulan libremente as ideas”, abondou.

Durante a súa intervención, Feijóo salientou que todos os galegos estamos ligados á obriga de que o noso país e a súa cultura estean presentes no futuro. E, para acadar ese obxectivo ineludible avogou por actualizar “o que esa xeración de García-Bodaño soñaba polas rúas de Compostela”.

O presidente da Xunta concluíu referíndose á súa obra prolífica e á súa actividade; e preguntándose se hai algunha iniciativa cultural, museo, fundación, seminario, ateneo, club ou asociación onde non estea presente “o xenio inesgotable” de García-Bodaño.

17 de marzo de 2015 | 22:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.