Feijóo cre que o paso de Noriega en Santiago prexudica máis a outros que ao PP
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves ter a “impresión” de que o paso dado polo alcalde de Teo (A Coruña) e covoceiro nacional de Anova, Martiño Noriega, ao postularse para ser candidato da plataforma cidadá Compostela Aberta, e o feito de que esta concorra aos comicios locais de maio, prexudica máis a “outros” que ao PP.
“Non sei por qué partido se presenta, creo que son cinco ou seis”, sinalou tras o Consello da Xunta Feijóo, quen enumerou a varios dos integrantes, como Anova, IU, Podemos ou “os ecoloxistas”, para concluír que non están precisamente “no ámbito do partido reformista galleguista que é o PPdeG”.
“Dáme a sensación de que prexudica máis a outros que ao partido maioritario en Santiago, pero ata que falen os compostelanos non o imos saber”, reflexionou, preguntado acerca de se teme que o paso adiante de Noriega prexudique electoralmente ao candidato popular e actual rexedor da cidade, Agustín Hernández.
“Eu o que pido é que cada cidadán vote o que considere oportuno”, continuou o tamén líder do PP galego, quen pediu “unha mensaxe e un programa claro” porque, pola contra, os cidadáns poden ter “dificultades para saber que ou a quen votan”.