Éxito rotundo do Fórum Gastronómico da Coruña

Presentación do balance
A tenente de alcalde de Emprego e Empresa e presidenta do Consorcio de Turismo, Luisa Cid, destacou hoxe o “éxito rotundo” do Fórum Gastronómico 2015, que onte pechou as súas portas en EXPOCoruña. “É sen dúbida a mellor das plataformas para a cociña coruñesa e galega, e tamén para a hostalaría da cidade”, asegurou a concelleira.
Luisa Cid, que fixo estas declaracións tras o balance realizado polos responsables do Fórum Gastronómico, Pep Palau e Jaume von Arend, destacou, así mesmo, a implicación da Deputación da Coruña, e do seu presidente, Diego Calvo, no proxecto. “A súa contribución foi e é fundamental”, engadiu a edil, quen lembrou que a feira volverá celebrarse na cidade: “Aínda que estamos a estudar se se realizará cada dous anos, como estaba previsto, ou mediante outras fórmulas”, precisou tras asegurar que esta segunda edición demostrou que “entre o Fórum Gastronómico e A Coruña”existe unha “simbiose perfecta”.
A responsable de Turismo valorou as cifras do Fórum Gastronómico, con 23.000 visitantes en tres días, e lembrou que este tipo de eventos reforzan a estratexia municipal de situar A Coruña como destino gastronómico de referencia a nivel nacional e internacional.
Por último, Cid destacou a elevada participación no Fórum Cidade, con máis de 10.000 persoas, unha aposta do Concello para involucrar a todos os coruñeses e que se traduce en actividade para a hostalaría, un dos principais motores da economía local.











