Éxito rotundo da gala “Imos de Docus”

Gala “Imos de Docus”
O salón de actos do Centro Integrado de Formación Profesional de A Farixa acolleu a estrea dos microdocumentais na que os alumnos e alumnas de Produción Audiovisual estiveron traballando durante o presente curso. Ao evento, conducido por Fabián Gómez e o actor ourensán Chechu Salgado, asistiron arredor dun cento de persoas que ovacionaron ós equipos que deron forma a estes proxectos que viron a luz nesta gala especial na que houbo lugar para as emocións, a reinvidicación e a diversión. Ó longo dunha hora e media, o público puido comprobar de preto o que se agocha tralo labor moitas veces descoñecido dos profesionais da produción e a súa vez asistir á mostra final do resultado, en forma de microdocumentais, do arduo traballo dos alumnos.
O evento deu comezo coa proxección da obra dirixida por Aitor Ramos, “Fotografía, unha paixón”, unha elexía á procura da luz para transmitir determinados sentimentos á hora de captar unha instantánea. O ton mudou totalmente co documental “La otra cara del fútbol”, dirixido por Almudena Dapena. Unha ollada cara o universo das xogadoras de fútbol once e fútbol sala profesional cuxa valía moitas veces se ve eclipsada pola hexemonía masculina neste deporte.
Tras unha performance levada a cabo por un grupo de alumnos que desvelaron os segredos da produción en clave de humor, o público tivo a oportunidade de viaxar a través da pantalla máis de dez mil quilómetros. O microdocumental “Cara Xapón” de Artur Pardo, achegou unha visión sobre a cultura nipona, tan lonxana e tan achegada a nós ao mesmo tempo. A reivindicación combinada coa tenrura puxo o punto final á gala a través do documental “Sobre Rodas” dirixido por Natalia Umpiérrez. Unha peza audiovisual que achega unha visión necesaria sobre as barreiras arquitéctonicas e físicas que atopan usuarios de cadeira de rodas no seu día a día pola cidade.
Para finalizar, os alumnos quixeron mostrar o seu agradacemento ós patrocinadores que fixeron posible a materialización dos microdocumentais, entre os que se atopan algúns como Gadis, Autobuses Anpian, Hotel San Martín ou Bar Miguel. Do mesmo xeito tamén agradeceron o apoio recibido por parte dos profesores e equipo directivo do centro, “que co seu labor e implicación conseguiron facer todos os procesos de produción moito máis doados”.











