publicidade hoxe

Europe Direct organiza unha xornada formativa sobre o acordo comercial entre USA e a Unión Europea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Europe Direct Coruña (centro de información da UE dependente da Deputación da Coruña), en colaboración coa representación da Comisión Europea en España, porán en marcha o día 23 de marzo unha xornada que leva por título “Asociación Transatlántica de Comercio e Investimento (TTIP). Un acordo para ampliar o teu mercado en Estados Unidos” e que profundará nos cambios que implicará o novo tratado entre EEUU e Europa, que pasa por eliminar aranceis, abrir mercados públicos, reducir custos…

Esta sesión, única deste tipo en Galicia, contará coa presenza destacada de Jochen Müller, correspondente da Comisión Europea e o máximo responsable en España para ofrecer información oficial do TTIP. Ademais, entre os relatores destacan nomes como o conselleiro para Asuntos Económicos da Embaixada de Estados Unidos, Anton K. Smith,  ou  o director xeral de Comercio Internacional e Investimentos do Ministerio de Economía, Antonio Fernández-Matos.

Participarán tamén representantes de empresas ou institucións que venden en EEUU e, por tanto, afectadas por este novo acordo como son Juan José Martínez, xefe de Xestión de Aduanas e Impostos Especiais da Axencia Estatal de Administración Tributaria; Felicidad Fernández, do Departamento de Comercio Exterior, Internacionalización e Relacións coa UE, ANFACO-CECOPESCA ou Alberto Rocha, Secretario Xeral da Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia (COINTEGA – Cluster Téxtil Moda), entre outros.

A xornada terá lugar o día 23 na sala Juanjo Gallo, comezará ás 10 da mañá e desenvolverase ata as 13.30 horas. Consistirá nun amplo debate sobre os obxectivos e vantaxes do acordo comercial asinado entre a UE e Estados Unidos e está dirixido a representantes de peme, empresas, universidades, colexios profesionais, sindicatos e todos aqueles interesados en coñecer e/ou ampliar a súa compravenda de bens e servizos entre a UE e EE.UU.

Todos os interesados en participar nesta sesión deberán apuntarse no enderezo de correo electrónico europedirect@dicoruna.es ou chamando ao 981 080 331. 

Biografía Jochen Müller

Xornalista, estudou  na Universidade de Metz, Francia. Traballou en distintas institucións europeas: Xestor de campañas europeas na Axencia Europea para a Seguridade e o Traballo. Tamén como responsable de prensa na Dirección Xeral de Sociedade da Información da Comisión Europea e na Dirección Xeral de Xustiza e Asuntos de Interior da Comisión Europea. Ademais, como Portavoz e Coordinador da oficina de prensa no Consello Europeo. Desde o ano 2012, é o Coordinador Político da Comisión Europea na Representación da Comisión Europea en España.

17 de marzo de 2015 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.