Ethel Vázquez avanza un plan por importe dun millón de euros para poñer en valor a Ponte Romana de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, está a redactar un plan no que se recollen un total de 15 actuacións para poñer en valor a Ponte Romana de Ourense e maila súa contorna. Trátase dun proxecto do Goberno galego que implica un investimento de case un millón de euros.

Así o anunciou esta tarde a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, no Pleno do Parlamento galego en resposta a unha pregunta do deputado do Grupo Parlamentario Popular, Xesús Vázquez, e que adiantou que a primeira das actuacións xa se executará no mes de abril e consistirá na retirada manual da maleza e vexetación da ponte, realizada dun modo respectuoso tal e como se fixo en 2010 e 2013.

Vázquez Mourelle sinalou que na actualidade estase a redactar –paralelamente- un proxecto construtivo no que se definen con exactitude os trabalos necesarios e se concretan as actuacións máis urxentes, que contribúan a reforzar esta ponte como símbolo de Ourense.

A conselleira manifestou que a Ponte Vella de Ourense, construída no século I e declarada monumento histórico-artístico no ano 1961, presenta un bo estado na súa estrutura, pero é recomendable e conveniente acometer actuacións para contribuír ao seu mantemento e a unha mellor conservación, polo que as actuacións do plan se irán desenvolvendo de xeito progresivo.

A modo de exemplo, explicou que algunhas das accións que se levarán a cabo serán a restauración puntual da sillería da ponte, pequenas reparacións da calzada, a retirada e traslado da tubaxe da rede de abastecemento, nova iluminación e retirada daqueles elementos do mobiliario urbano nas proximidades do monumento que non sexan acordes coa contorna.

Ethel Vázquez aclarou que tamén se actuará nas inmediacións da ponte, co fin de realzar o monumento cunha nova pavimentación e co acondicionamento da rúa entre a Ponte Romana e a Capela dos Remedios, a construción dunha senda peonil e un paseo baixo un dos arcos, así como a instalacións de paneis informativos con datos sobre o monumento para unha maior divulgación e promoción.

Por último, a conselleira destacou que se trata dun conxunto de actuacións que se realizarán en dúas fases e que teñen por obxectivo a recuperación da integridade estética da ponte e a mellora do seu contorno, para que a gane sona a propia ponte.

11 de marzo de 2015 | 20:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.