EquoPiratas Vigo comeza o proceso de conformación da lista para as eleccións de maio
A coalición EquoPiratas Vigo comeza o seu proceso para conformar a lista de candidaturas coa que concorreremos ás próximas eleccións municipais de Maio do 2015.
Este proceso levarase a cabo con total transparencia a través da aplicación Listabierta.org que permitiranos realizar o proceso de primarias a través da rede. Así mesmo habilitarase un día, do que daremos conta nos próximos días, no que se disporá dun espazo para que todas aquelas persoas que desexen participar nestas primarias e que non teñan a posibilidade de facelo online poidan facelo de forma presencial. O lugar e a data comunicaráse tralo proceso de rexistro de candidaturas.
O proceso de preinscripción desenvólvese dende hoxe ata o próximo día 3 de Abril, e as persoas que desexen presentar as súas candidaturas poden realizalo a través da nosa web www.equopiratasvigo.info. Posteriormente contactarase con elas para realizar o proceso de rexistro que rematará o día 5 de Abril. Poden presentar as súas candidaturas aquelas persoas maiores de idade censadas en Vigo, que acepten o código ètico que consensuamos e envíen o formulario de preinscripción antes do dia 3 de Abril.
O proceso de rexistro farase a través da aplicación listabierta.org creada pola plataforma Ahora Tu Decides especialmente para a realización deste tipo de eleccións primarias abertas en todo tipo de organizacións.
A data prevista para o comezo das votacións é o 7 de Abril e será debidamente comunicado a través dos nosos sitios en rede e da prensa.
Dende a coalición queremos animar a toda cidadanía a participar neste proceso que tanto nos ilusiona, no que queremos amosar total transparencia e apertura, porque sumando gañamos todas. É o momento de participar, é o momento de dicir ben alto… VIGO EMPODÉRATE











