Enxeñería sen Fronteiras e o Fondo Galego impulsan en Honduras o acceso á auga potable
Mellorar o acceso á auga e ao saneamento en sete municipios de Honduras é o obxectivo último do proxecto que a ONGD Enxeñería sen Fronteiras e o Fondo Galego de Cooperación, do que forma parte o Concello de Pontevedra. Para acadalo, estanse a desenvolver no Golfo de Fonseca formacións e estudos co fin de promover unha xestión integrada do recurso hídrico. Coincidindo co Día Mundial da Auga, que se celebrou onte, ESF dará a coñecer a iniciativa nas actividades que organiza ao longo desta semana en Galicia.
Persoal técnico dos sete concellos costeiros que conforman a Mancomunidade Nasmar capacitouse na metodoloxía para a realización dos plans de xestión integral do recurso hídrico e tamén nas ferramentas de software libre necesarias, para non incorrer en gastos nin dependencias tecnolóxicas. A formación práctica estase a levar a cabo coa recollida de datos en varias comunidades da municipalidade de El Triunfo, identificada como a que máis carencias presenta no abastecemento de auga e saneamento. Esta información tratarase a través dun programa informático e da súa interpretación xurdirán diferentes alternativas que se debaterán coa veciñanza para elaborar os correspondentes plans comunitarios, como fase previa á preparación do plan municipal.
O Fondo Galego cofinancia con 28.416 euros este proxecto, que contempla asemade un estudo hidroxeolóxico para previr e mitigar a contaminación das fontes de auga, xa que se trata dunha área moi degradada por grandes empresas agrícolas, industriais e camaroneiras. De xeito paralelo, levaranse a cabo accións educativas para sensibilizar sobre a importancia da calidade da auga e promover hábitos hixiénicos e saudables ao respecto.
As preto de 210.000 persoas que viven en Ampla, Nacaome, Goascorán, San Lorenzo, Namasigüe, Marcovia e El Triunfo beneficiaranse deste proxecto de cooperación internacional que fortalecerá as capacidades locais par facer efectivo o dereito á auga. Se o 39% das familias hondureñas viven nunha situación de pobreza extrema, o índice é aínda máis elevado nesta zona. Asemade, a tarefa de carrexar auga cara as casas habitualmente destinada ás mulleres obstaculiza a súa integración na actividade económica e no sistema educativo. Doutra banda, os efectos do cambio climático fan que se agudicen as épocas de seca e inundacións.
A iniciativa presentarase esta semana nas xornadas ‘Auga e desenvolvemento sostible’ que Enxeñería sen Fronteiras organiza na ETS Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña, concretamente durante a charla que terá lugar hoxe luns ás 13.45 horas. Outra das actividades previstas para dar a coñecer o proxecto é a elaboración dun vídeo sobre o programa e sobre as xuntas administradoras de auga, establecendo unha comparativa con este modelo de xestión comunitaria que tamén existe en Galicia. O audiovisual proxectarase na Deputación da Coruña e en tres concellos socios do Fondo Galego, co fin de reflexionar sobre a realidade global desde o local.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.