publicidade hoxe

En liberdade dous dos detidos na operación na Confraría de Cabo de Cruz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroLocal Portada
A-
A+
Europa Press

Dous dos catro detidos na operación que despregou a Garda Civil este martes na Confraría de Pescadores de Cabo de Cruz, en Boiro (A Coruña), foron xa postos en liberdade, segundo informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

A cuarta persoa implicada no operativo relacionado coa xestión da anterior directiva do pósito é unha traballadora dunha xestoría que durante os anos cambiou varias veces de nome pero que tivo unha relación habitual coa entidade, á que asesoraba e levaba a contabilidade.

A actual patroa maior da confraría, Raquel Soto, sinalou, que este mércores o traballo dos profesionais volveu á normalidade, despois dos rexistros efectuados pola Benemérita, nos que ela estivo presente e polos que os axentes se incautaron de numerosa documentación da confraría.

O Xulgado mixto número 2 de Ribeira é o que instrúe esta causa, pola que, en total, na xornada deste martes se realizaron cinco rexistros e se procedeu a realizar catro detencións.

PASE A DISPOSICIÓN XUDICIAL

Os outros detidos son o expatrón maior, Carmelo Vidal; a exvicepatrona maior e expresidenta da agrupación de mariscadoras, Ermidas P. e a secretaria do pósito.

Permanece o segredo de sumario sobre as dilixencias, pero as fontes do TSXG confirman que o pase a disposición xudicial das dúas persoas que seguen detidas aínda non se producirá este mércores.

DENUNCIA DA FISCALÍA

Carmelo Vidal e Ermidas P. decidiron non se presentar ás últimas eleccións ás confrarías, celebradas ao inicio do verán pasado, despois dunha longa traxectoria que o tivo a el á fronte da entidade durante 23 anos.

En 2013, a Fiscalía denunciou por malversación directivos do pósito de Cabo de Cruz despois de que mariscadores críticos coa súa xestión lle enviasen escritos nos que denunciaban supostas irregularidades económicas.

18 de marzo de 2015 | 11:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.