publicidade hoxe

Empreamar érguese como exemplo de boas prácticas na conferencia “Sailing Towards 2020”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorLocal PortadaPorto do Son
A-
A+

O proxecto Empreamar promovido polo Grupo de Acción Costeira Seo de Fisterra-Ría de Muros e Noia (GAC 4) e o Campus de Excelencia Internacional-Campus do Mar, que conta coa colaboración dos concellos de Carnota e Porto do Son, foi seleccionado entre un total de 10.000 proxectos como exemplo de boas prácticas en materia de emprendemento e investimento nas persoas, o que lle permitiu participar na conferencia “Sailing Towards 2020” organizada pola Rede Europea de Zonas de Pesca da Comisión Europea (Farnet) os pasados días 2 e 3 de marzo en Bruxelas, presentando os seus obxectivos e resultados.

O comisario europeo de Medio Ambiente, Asuntos Marítimos e Pesca, Karmenu Vella durante a súa visita ao evento celebrado na capital europea calificouno como “unha oportunidade excelente para compartir as boas prácticas e resultados, debater e aprender doutros proxectos para crear un futuro sostible nas comunidades costeiras europeas”.

O proxecto estivo representado en “Saling towards 2020” por Daniel Formoso, presidente do GAC4 que xunto con Manuela Oviedo, xerente do GAC4 e Cristina Quelle, coordinadora da Área de Transferencia do Campus do Mar, se encargaron de presentar a través dun posto propio o valor engadido que un programa destas características ten sobre a empregabilidade vinculada ao mar. Segundo afirma Cristina Quelle: “asistir a esta convención foi unha oportunidade única para poñer en contacto as institucións europeas, stakeholders da pesca e a acuicultura, as administracións rexionais, os representantes dos GAC de toda Europa e as entidades de investigación”.

Dende Farnet valoraron moi positivamente as capacidades de Empreamar para favorecer aos sectores económicos da zona apoiando iniciativas empresariais relacionadas co mar que xeran valor social e económico ás persoas. Considérano un proxecto “integrador” xa que coordina a formación, asesoramento e financiamento co apoio científico e técnico das universidades e centros de investigación integrados no Campus do Mar, incidindo tamén na importancia de ofrecer formación a persoas de todas as idades e perfís formativos en áreas costeiras.

Seis ideas de negocio que se achegan ao mercado grazas a Empreamar

Empreamar arrancou fai xusto un ano con 30 inscritos dos concellos de Carnota e Porto do Son. Durante os primeiros meses recibiron cursos de formación e titorización da man do Campus do Mar e de expertos de diferentes ámbitos, así como asesoramento sobre as convocatorias dos Grupos de Acción Costeira. Deste xeito os participantes recibiron formación sobre maduración de proxectos, análises de viabilidade, estratexias de comunicación e presentación pública da idea de negocio, posicionamento nas redes sociais, estratexia de marca persoal/profesional e marketing da idea de negocio.

Na segunda fase estiveron en contacto directo con emprendedores e empresarios que lles mostraron casos de éxito. Esta etapa deu paso á terceira parte do proxecto, que ten como obxectivo converter as súas ideas no xerme dun negocio. Entre os participantes iniciais, un xurado seleccionou seis iniciativas empresariais, que na actualidade están na fase de preincubación en instalacións de ambos concellos ata que dean o salto definitivo ao mercado. Nestes espazos os emprendedores maduran dende fai seis meses o seu proxecto e reciben o asesoramento científico-técnico e de emprendemento que a súa idea de negocio require. Para isto contan, a través do Campus do Mar, co apoio de expertos universitarios nos campos relacionados con cada unha das empresas para solucionar calquera dúbida que teñan. Dúas das ideas de negocio iniciais xa se atopan actualmente no mercado.</p

6 de marzo de 2015 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.