Educación inicia as obras de ampliación do CEIP Otero Pedrayo na na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Laracha
A-
A+
Belén do Campo na visita ao Ceip Otero Pedrayo

Belén do Campo na visita ao Ceip Otero Pedrayo

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, xunto co secretario xeral técnico de Educación, Jesús Oitavén, e o alcalde da Laracha, José Manuel López, visitou esta mañá o colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Otero Pedrayo con motivo do inicio das obras de ampliación do centro, ás que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará unha achega de máis de 871.000 euros.

Os traballos, que arrancan hoxe coa sinatura da acta de replanteo, prolongaranse ata o mes de setembro, polo que, segundo indicou Do Campo, a principios do vindeiro curso 2015/2016 este centro educativo poderá dispoñer dun novo aulario de 800 metros cadrados de superficie construída, con capacidade para 150 alumnos e alumnas.

A delegada territorial supervisou a parcela que albergará as seis novas aulas de Educación Infantil de 50 metros cadrados cada unha, aseos, unha sala de usos múltiples, dúas aulas de apoio e servizos comúns (para almacén, cuarto de limpeza e instalacións).

Na zona de administración, ubicarase a conserxería, a zona de reprografía e os aseos adaptados. Así mesmo, habilitarase un novo espazo exterior de xogos, dotado de pavimento de caucho. Non obstante, en función da evolución da matrícula no centro, está prevista unha segunda fase de ampliación do número de aulas e a conexión dos distintos edificios existentes na parcela.

Durante a visita, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia sinalou que “a execución deste proxecto supón o cumprimento adquirido no seu día polo Goberno galego para dar resposta ás necesidades educativas detectadas no municipio”. De igual xeito, amosou a súa disposición a seguir mantendo un diálogo fluído coa comunidade educativa da Laracha, co fin de estreitar a colaboración e sacar adiante esta actuación co maior consenso posible.

Tamén agradeceu a cooperación amosada polo alcalde do municipio e do seu goberno desde o primeiro momento para facer realidade este proxecto.

30 de marzo de 2015 | 09:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.