Educación e Deputación de Pontevedra levarán a cabo actuacións en 84 colexios públicos de toda a provincia
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e mailo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para a posta en marcha de case un cento de intervencións de mellora en 84 colexios públicos de todos os concellos da provincia de Pontevedra, que supoñen un investimento de algo máis de 2,65 millóns de euros ao longo deste ano.
O conselleiro definiu o acordo como un “símbolo”, posto que mostra a “importancia que ten sumar forzas”. Trátase, en palabras de Román Rodríguez, dun convenio que reflicte como “coordinando traballo e buscando sinerxías somos capaces de mellorar” os centros educativos galegos, posto que se trata dunha cooperación a tres bandas entre o eido municipal, provincial e autonómico.
Importancia da cooperación
Na súa intervención nun acto no que se deron cita alcaldes de toda a Provincia, Román Rodríguez amosou o seu agradecemento aos concellos da provincia pola súa aposta firme e decidida pola educación e o futuro, así como á Deputación de Pontevedra por facer posible que, —a través do fondo de cooperación local—, os concellos financien estas obras.
Ao acto de sinatura asistiron tamén o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o xefe territorial da Consellería na provincia, César Pérez Ares.
Este acordo ten como principal obxectivo coordinar as obras de reforma, ampliación e mellora (RAM) programadas pola Xunta de Galicia en centros de educación infantil, primaria e educación especial na provincia de Pontevedra coas actuacións de reparación, conservación e mantemento que son competencia municipal. Ademais, garántese a cobertura orzamentaria das actuacións competencia dos concellos mediante as partidas incluídas no Plan Provincial de Obras e Servizos 2015 da Deputación.
Reforma, reparacións e mellora
Ao abeiro deste convenio, a Consellería de Cultura e Educación levará a cabo obras de reforma, ampliación e mellora en 33 centros escolares de 24 concellos pontevedreses, aos que se destina un orzamento de 992.000 euros. Trátase de actuacións como reparación de cubertas, reforma de fachadas, mellora de instalacións eléctricas, pavimento de pistas, eliminación de barreiras arquitectónicas, illamentos, ou caldeiras, entre outras.
Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra destinará aos concellos un total de 1.381.000 euros para que acometan obras que teñen un importe mínimo de 20.000 euros. Segundo a programación de obras, o órgano provincial actuará en 39 centros escolares correspondentes con outros tantos concellos.
Así mesmo, os concellos disporán doutros 279.000 euros de fondos propios para levar a cabo traballos que son de competencia municipal tales como pintura, reparación de elementos de carpintería, limpeza de canalóns, arranxos de tellados ou reposición de cristais, e de zonas de xogo, entre outras. Deste xeito, 22 concellos pontevedreses realizarán intervencións en 23 centros de infantil e primaria dos seus termos municipais.
Instalacións deportivas
As instalacións deportivas dos centros docentes que sexan obxecto de actuacións previstas neste protocolo poderán abrirse ao uso xeral da poboación fóra do horario lectivo para fins educativos, deportivos e culturais. Este feito poderá levarse a cabo sempre e cando non se interfira na programación das actividades dos centros e que se garanta a súa correcta utilización.
Outros investimentos
Cómpre lembrar que o conxunto de investimentos para a provincia de Pontevedra en materia educativa recollido neste protocolo engádese aos 18,4 millóns de euros que se investirán en mellora das infraestruturas educativas e na dixitalización da totalidade das aulas de ensino público de Galicia a partires de 5º de Primaria.
Trátase, por tanto, dunha clara aposta por reforzar o ensino público en Galicia e que os nosos rapaces e rapazas conten coas infraestruturas físicas axeitadas e de calidade, e tamén coas infraestruturas tecnolóxicas necesarias para afrontar os retos de futuro.











