Ecoembes leva á Deputación de Pontevedra a campaña “Orgullosos de reciclar”
A Deputación de Pontevedra e Ecoembes, a organización que coida do medio ambiente a través da reciclaxe e o ecodeseño dos envases domésticos en España, poñen en marcha a campaña de concienciación “Orgullosos de reciclar” co obxectivo de transmitirlles ós cidadáns a importancia que ten a súa colaboración na reciclaxe de envases e no coidado do medio ambiente.
A campaña, que comeza hoxe, estará presente ata o próximo 12 de abril nos medios de comunicación coa intención de mostrarlles ós cidadáns pontevedreses que o seu papel é clave na construción dun futuro sustentable.
A iniciativa foi presentada esta mañá en rolda de prensa en Pontevedra nun acto que contou coa presenza de Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, e Antonio Barrón, director de Comunicación Corporativa e Márketing de Ecoembes.
“É fundamental que os cidadáns dispoñan de información suficiente sobre a importancia que ten separar correctamente os envases e depositalos nos contedores correspondentes. Con iso axudamos a conservar o medio ambiente, xa que, ó darlles unha segunda vida a estes envases, evitamos o uso de materias primas”, asegurou Antonio Barrón, quen, dunha maneira gráfica, explicou que todos deberiamos saber que “un envase baleiro nunha man non é lixo, senón algo aproveitable”.
Pola súa banda, o presidente da Deputación destacou que “queremos que a provincia de Pontevedra sexa un modelo en canto á reciclaxe, pois, na medida en que reciclemos e separemos máis, melloraremos o nivel de vida dos seus cidadáns, contribuiremos a un mundo sustentable e tamén a reducir o gasto das familias”.
“Orgullosos de reciclar” pretende amosarlles ós cidadáns que o seu papel é clave na construción dun futuro sustentable. Desta maneira, a través de distintas imaxes que reflicten aquilo do que os cidadáns están orgullosos (da natureza en bo estado de conservación, as paisaxes, as montañas, os ríos…), esta iniciativa busca animalos a continuar separando os envases para a súa posterior reciclaxe e, deste xeito, contribuír ó coidado, entre todos, do contorno natural.
En total, na provincia de Pontevedra hai instalados 10.029 contedores amarelos para depositar os envases de plástico, latas e bricks, e 3.851 azuis para depositar os envases de papel e cartón, infraestruturas que están dispoñibles para os pontevedreses as 24 horas do día, os 365 días do ano. E é que a reciclaxe de envases leva consigo múltiples beneficios ambientais, como evitar a emisión de CO2 á atmosfera, aforrar auga, enerxía e materias primas.











