Dous centros de ensino realizarán o roteiro Castelao este venres
Un grupo de 46 alumnos/as de 1º de ESO do IES Val Miñor (Nigrán) fará mañá venres, día 27 de marzo, o roteiro Castelao polas rúas da zona histórica de Pontevedra. A saída está prevista para as 9.15 horas desde a praza da Ferraría. Ás 12 horas será un grupo de 14 alumnos/as de 4º de ESO do CPR Salvador Moreno o que fará este mesmo percorrido.
A actividade inclúe unha visita á Sala Castelao do Museo de Pontevedra e ao edificio modernista da Fundación Caixa Galicia, onde se situaba o Café Moderno.
O Concello de Pontevedra segue a ofrecer estas visitas guiadas pola Pontevedra máis vencellada a Castelao, co obxecto de ligar o uso da lingua galega aos espazos urbanos da cidade, recuperar e difundir a memoria histórica inserida no contorno xeral da historia de Galicia e dinamizar os usos orais da lingua galega no ámbito urbano.
Por mor da climatoloxía adversa, ou por outras circunstancias, esta visita podería sufrir modificacións. De ser así, procuraremos mantelos informados.











