Detido un home que intentou acceder por segunda vez a un vivenda en Vigo
Axentes do Corpo Nacional de Policía da Comisaría de Vigo deteñen a un home de 53 anos de idade, sen domicilio coñecido, como presunto autor dun delito de usurpación de vivenda, tras intentar entrar, por segunda vez nunha semana, nunha casa da rúa Rorís.
Fontes policiais explicaron que os feitos tiveron lugar a pasada noite, cando unha testemuña alertou de que estaba a ver un home tratando de entrar a unha vivenda a través dunha ventá.
Cando chegaron os axentes, observaron dende o muro exterior do terreo a un home que trataba de empolicarse á planta superior da vivenda e que, para iso, amoreara varios obxectos co fin de improvisar unha escaleira que lle facilitase o acceso á vivenda.
Os policías atraparon o home e identificárono, comprobando que o pasado 12 de marzo xa fora arrestado cando forzaba unha ventá exterior desa mesma vivenda. A Policía púxose en contacto co propietario da casa e realizou unha inspección no interior, onde atopou unha mochila propiedade do detido e que contiña os seus efectos persoais.
Unha vez trasladado a comisaría, os axentes comprobaron que o arrestado ten oito antecedentes policiais. As dilixencias foron postas en coñecemento do Xulgado de Instrución número 2 de Vigo.











