Deteñen en Vilagarcía ao suposto autor de varios furtos en interior de vehículos
A Garda Civil detivo a JG.C.S., de 34 anos de idade e veciño de Vilagarcía de Arousa, como suposto autor de 15 furtos e un delito de roubo con forza en interior de vehículos.
Estes feitos delituosos teríanse cometido dende o novembro do pasado ano e o principio do actual nas inmediacións de colexios de educación infantil e gardarías de distintos municipios desta provincia e a da Coruña.
O “modus operandi” de todos os roubos coincide con outros que se cometeran o ano pasado, na mesma zona, nos que o autor controlaba a primeira hora da mañá os vehículos que chegaban ao centro de ensino para detectar aos que deixaban estacionados coas portas abertas e chaves no contacto.
Seleccionado o vehículo, aproveitaba o momento no que o condutor se ausentaba para levar ao menor ao colexio para apropiarse dos bolsos, teléfonos móbiles e outros efectos de valor que puidese encontrar no seu interior.
A raíz das investigacións levadas a cabo, por compoñentes do Posto Principal da Garda Civil de Cambados, na mañá de onte volveuse deter a JG.C.S., como suposto autor de 15 furtos e un delito de roubo no interior de vehículos.
O detido, que conta con antecedentes policiais, quedou en liberdade coa obriga de presentarse ante o Xulgado de Instrución número CATRO de Cambados, cando para iso sexa requirido.