‘Deep Sky’ será o novo programa do planetario da Casa das Ciencias

Presentación do programa
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá Deep Sky, o novo programa do planetario da Casa das Ciencias, que se estreou hoxe ás 12.30 horas.
Deep Sky é un documental de planetario en formato vídeo a cúpula completa (fulldome) que describe o que se esconde tras o fondo negro da noite. Convídanos a viaxar a través das marabillas que se descubriron tras ese lenzo negro sobre o que se debuxa a noite estrelada.
Unha viaxe imaxinaria moi lonxe do noso planeta que nos axudará a visualizar a posición de obxectos como nebulosas, cúmulos, galaxias, superestructuras… e tamén a posición que ocupamos nós con respecto a eles. Ao longo de 30 minutos preséntanse as máis espectaculares imaxes obtidas polos grandes observatorios do mundo, tanto desde a superficie da Terra, como desde o espazo.
A noite estrelada é un das paisaxes naturais máis belas que é posible contemplar desde a Terra. Canto máis negro é o fondo da noite, aínda máis impresionante. Miles de estrelas parpadeando desde o ceo adoitan provocarnos unha sensación de infinidade e de pequeñez á vez. É probable que os humanos a sentísemos desde que levantamos a mirada. Pero, que hai máis aló? Si puidésemos observar máis e máis lonxe, escudriñar ese fondo negro da noite, atopariamos máis e máis estrelas ata o infinito?
A estrea deste programa, patrocinado pola FECYT, ten lugar nun ano especialmente significativo, xa que 2015 foi declarado por Nacións Unidas como Ano Internacional da Luz.
O guión e dirección é de Fernando Jáuregui, astrofísico do Planetario de Pamplona, que contou coa colaboración da Casa das Ciencias da Coruña e o Parque Astronómico do Montsec.
O programa conta con animacións 3D espectaculares que describen, por exemplo, a futura colisión da nosa galaxia a Vía Láctea coa de Andrómeda ou a morte das estrelas máis grandes en descomunais explosións de supernova.
O universo sonoro de Mikel Salgas pon o son a esta viaxe, que rende homenaxe á serie Cosmos. Por iso, é José María do Río, a voz en castelán de Carl Sagan, quen nos acompaña.
Este programa de planetario está financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Economía e Competitividade a través da Convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica e da innovación 2011.
A película está dirixida a todos os públicos e proxectarase todos os días ás 13.00 horas desde o sábado 28 de marzo ata o luns 6 de abril.











