publicidade hoxe

Danza, poesía, música e audiovisual en feminino para pechar os actos do Día Internacional da Muller

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Un dos actos en conmemoración do Día da Muller

Un dos actos en conmemoración do Día da Muller

San Sadurniño pechou esta fin de semana os actos desenvolvidos co gallo do Día Internacional da Muller. Foi na Casa da Cultura nun encontro que encheu o auditorio arredor da danza, a poesía, a música e o audiovisual. Todo con impronta feminina e todo para reivindicar o poder da muller na construción dunha sociedade na que fai falla máis igualdade.

O evento comezou cunha actuación das nenas -e un neno- do equipo alevín do Club Brío, que fixeron unha exhibición de ximnasia rítmica cunha mestura de varios temas de música actual. Foi a introdución a un programa que continuou coa proxección do video “Matriarcas”, da cantante cedeiresa Guadi Galego. Unha peza emocionante incluída no seu último traballo “Lúas de outubro e agosto” na que mulleres de todas as idades fan playback compoñendo un mosaico de aleitadoras, conquistadoras e activistas da vida cotiá “do país dun tal Breogán”.

Neste día tamén se leu a declaración institucional aprobada por unanimidade no pleno municipal. A titular da área de Igualdade, Ana Belén Breijo, foi a portavoz do Concello ao respecto do seu posicionamento ante unha realidade, a da desigualdade de xénero, que 20 anos despois da Conferencia Mundial sobre a Muller de Beixing aínda non se conseguiu erradicar en ningún país. 2 millóns de nenas son vendidas e compradas como escravas sexuais, cada dúas horas unha muller é apedrada, apuñalada ou queimada e alomenos un 20% da poboación feminina mundial sufriu violencia. 

Situacións de desequilibrio social que tamén se trasladan ao ámbito laboral. Segundo as estatísticas, en Galicia unha muller ten que traballar 80 días máis ca un home para percibir o mesmo soldo e para equilibrar as cousas habería que subir os salarios femininos un 31,88%. Ademais, aquí “é onde as mulleres perciben o soldo máis baixo no conxunto do Estado -un 14,38% menos- e preto de 60.000 mozas tiveron que emigrar desde o comezo da crise”. A declaración remata co compromiso municipal de “formular e aplicar políticas e programas efectivos e eficaces que contribúan a alcanzar a tan reclamada igualdade de dereitos entre mulleres e homes nos diferentes ámbitos da sociedade.”

Datos fríos e duros que se poden converter en reflexión a través da poesía. Helena Villar Janeiro ten ducias de exemplos e un deles, “Con tinta lila”, converteuse na voz de Icía Fernández Breijo nun manifesto máis a prol da igualdade e da reivindicación do papel da muller na historia. Versos que destilan forza e superación e que serviron de ligazón coa proxección da curta “Cruz Piñón”, realizada pola creadora Xisela Franco co apoio de Ánxela Caramés dentro do proxecto Chanfaina Lab. Directora e protagonista presentaron a peza mostrando en todo momento que a obra é resultado da complicidade entre ambas. Unha experiencia para a que unha puxo o ollo no que realmente importa e a outra abriu o seu fogar e o seu corazón para ensinarnos que aprender só é cuestión de querer saber e de deixar a un lado medos e prexuízos, tanto de xénero como de idade.

“Cruz Piñón” -que xa está dispoñible na canle de youtube de Fálame de San Sadurniño- non foi o único audiovisual da tarde protagonizado desde todos os ámbitos -produción, gravación, edición, etc.- polas mulleres. O departamento de Igualdade, a Aula CeMIT e unha trintena de mulleres de Bardaos, Santa Mariña, Naraío, Ferreira e San Sadurniño que participaron nos obradoiros de memoria activa do ano pasado foron as responsables do documental “Faladas de Muller”. Nesta produción -realizada por Carmen Suárez- as fotografías e dramatizacións sérvennos para ir vendo a evolución das mulleres de San Sadurniño desde principios do século XX ata a actualidade. O nacemento, a infancia, a mocidade, a vida de casadas, o sexo, a morte… vanse tecendo en capítulos narrados polas súas protagonistas. “Faladas de Muller” tamén se subirá a youtube a mediados de semana dentro da plataforma Fálame de San Sadurniño.

Ao remate da proxección practicamente todas as mulleres implicadas no video ou nos obradoiros de memoria subiron ao escenario para ofreceren unha “sorpresa musical” na que estiveron traballando as últimas semanas con axuda de Amparo Calvo. Todas elas interpretaron acompañadas dun acordeón a peza tradicional “Caraveliños”, coa que se lle puxo punto e final ao evento que, á súa vez, foi o colofón de todos os actos desenvolvidos en San Sadurniño durante o mes de marzo co gallo do Día Internacional da Muller.

30 de marzo de 2015 | 12:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.